A CIG chama á folga na construción para "descolgarse" de Madrid e blindar dereitos desde Galicia

Pontevedra
21 de outubro 2025

O modelo estatal de negociación, no centro da folga do 5N en Galicia. O pulso sindical na construción reabre o debate sobre a negociación autonómica

Rolda de prensa da CIG

O sindicato CIG convocou unha xornada de folga no sector da construción en Galicia para o próximo 5 de novembro, unha protesta que afectará tanto á obra pública como á privada e que busca reivindicar un marco galego de negociación colectiva que blinde e mellore os convenios provinciais.

En Pontevedra, a mobilización concretarase nunha manifestación que partirá ás 12 do mediodía desde o local sindical da CIG, na rúa Pasantería, e percorrerá as rúas da cidade até concluír nunha concentración na Ponte dos Tirantes.

Durante os días previos á folga, a CIG organizará asembleas abertas en distintas localidades para explicar os motivos desta convocatoria.

Segundo explicou este martes en rolda de prensa Lara Fernández, responsable da Federación da Construción da CIG en Pontevedra, a protesta ten como obxectivo lograr un marco autonómico que permita negociar aspectos clave como salarios e xornadas laborais, competencias que actualmente están reservadas ao convenio estatal.

Fernández subliñou que a folga responde á necesidade de superar os límites que fixa o actual modelo estatal, que impide melloras acordadas a nivel provincial e impón medidas como os plans privados de pensións ou a obrigatoriedade da Fundación Laboral da Construción.

"Esta folga non é un capricho", afirmou, lembrando que o convenio provincial de Pontevedra foi impugnado pola patronal española por incluír avances que ían máis aló do marco estatal.

A CIG, sindicato maioritario no sector en Galicia, trasladou a súa proposta de abrir esta negociación á Federación Galega da Construción (FEGACONS) e ao catro patronais provinciais, sen recibir resposta. Ante o que cualifican como unha actitude "obstrucionista", a central nacionalista optou por convocar esta folga e buscar un achegamento tamén a través do Consello Galego de Relacións Laborais.

Un dos argumentos da CIG é que un acordo galego permitiría mellorar as condicións laborais, especialmente no relativo aos baixos salarios e longas xornadas, facendo que o sector resulte máis atractivo para novas incorporacións. Deste xeito, explican, poderíase paliar unha das principais queixas da patronal como é a falta de man de obra.

Ademais, desde a CIG insístese na necesidade de ampliar os coeficientes reductores que permiten a xubilación anticipada en traballos especialmente duros. "Estamos a falar dun sector perigoso, un sector penoso. Unha persoa de 65 ou 67 anos non pode estar subida a un tellado ou a un andamio", sentenciou Lara Fernández.