Xornada de mobilización sindical por parte da CIG nas rúas de Pontevedra coa celebración dunha asemblea na Biblioteca Pública e unha posterior manifestación que percorreu as rúas da cidade ata chegar á sede da Xunta de Galicia.
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, sinalou que o motivo é dar importancia á convocatoria do Primeiro de Maio como unha chamada á loita contra a precariedade laboral e as políticas que, segundo asegurou, prexudican á clase traballadora.
"Vimos de ter unha asemblea na biblioteca, igual que se están celebrando noutras comarcas galegas, onde basicamente o que estamos facendo é un chamamento a participar na mobilización do Primeiro de Maio", explicou Conde.
O sindicalista subliñou que datas como esta van "moito máis alá dunha simple reclamación sindical", xa que a CIG está implicada en diversas plataformas que afectan os traballadores e traballadoras.
Neste sentido, mencionou a participación da central sindical na Plataforma Galega contra a OTAN, xa que "o belicismo, igual que os aranceis, poden parecer cousas moi lonxanas, pero van repercutir directamente na clase traballadora".
Criticou duramente á Unión Europea por destinar 800 mil millóns de euros a gastos militares, unha decisión que, no seu parecer, acabará recaendo sobre a poboación.
Conde denunciou a precariedade crecente e o empobrecemento da clase traballadora, e acusou á Xunta de Galicia de estar "completamente desaparecida".
"Non pon en marcha ningunha medida, só asume políticas que veñen de Europa e Madrid, pero que non son positivas para os traballadores", afirmou. Como exemplos, citou a falta dun plan industrial e a explotación de recursos como o litio ou a implantación da planta da empresa Altri, que, segundo afirmou, beneficiarán a outras comunidades mentres Galicia queda sen riqueza.
"Entendemos que isto é unha fórmula de colonialismo, pero é o capitalismo neoliberal que asumen sen problema", declarou. Conde fixo un chamamento á Xunta para que "tome medidas serias" e animou á cidadanía a sumarse ás manifestacións do Primeiro de Maio.
A protesta finalizou fronte á sede da delegación do goberno autonómico en Campolongo, onde os asistentes reclamaron políticas máis xustas para a clase traballadora ao berro de "o público é servizo; o privado, beneficio" e "a Xunta de Galiza, recorta e privatiza".