Cinco Depo Andainas para promover o turismo deportivo e ao aire libre por toda a provincia

Pontevedra
03 de xuño 2017

A Illa de Arousa, Cambados, Vilaboa e Cíes, Tui e Soutomaior serán ao longo do próximos cinco meses os escenarios elixidos para a segunda edición do programa Depo Andainas da Deputación, unha serie de rutas polos puntos máis emblemáticos da provincia

Participantes nas Depo andainas Deputación de Pontevedra

A Illa de Arousa, Cambados, Vilaboa e Cíes, Tui e Soutomaior serán ao longo do próximos cinco meses os escenarios elixidos para a segunda edición do programa Depo Andainas da Deputación Provincial de Pontevedra, unha serie de rutas polos puntos máis emblemáticos da provincia coas que se busca promover o turismo deportivo e a posta en valor da riqueza cultural, medio ambiental e etnográfica. 

Tras o éxito da edición 2016, este ano a Deputación decidiu aumentar de catro a cinco as rutas proxectadas, de tal modo que participarán un total dunhas 1.500 persoas. Cada ruta ten un máximo de 300 participantes e están pensadas para todos os públicos. 

A empresa adxudicataria da edición 2017 foi Marexada por un importe de 18.000 euros, 1.000 menos que o ano pasado, e encargarase de todos os gastos das rutas, incluído un autobús por cada ruta e persoal especializado. Todas serán gratis. 

Este proxecto desenvolverase entre xuño e outubro, excepto no mes de agosto. Cada unha das rutas completarase cun programa de charlas relacionadas coas características propias da ruta, impartidas por guías de turismo e persoal educador ambiental. Ao final de cada unha delas desenvolverase unha actividade lúdico-deportiva.

O prazo de inscrición abrirase 15 días antes da data de realización de cada ruta, o que implica que este venres quedou aberto o da actividade do próximo 18 de xuño. O mércores inmediatamente anterior ao día da ruta pecharase o prazo de inscrición. 

A primeira ruta, do 18 de xuño, será á zona da Illa de Arousa e O Carreirón. O 9 de xullo o destino será Cambados "Sendeiro Natural da Pastora-Umia", como promoción da Cidade Europea do Viño. O 10 de setembro o destino será Vilaboa e Cíes. O 24 de setembro irán a Tui  polo 'Camiño de Santiago Tui-O Porriño". Para terminar, o 15 de outubro irán a Soutomaior, nunha ruta guiada por Pedro Madruga.