Cinco empresas amosan interese na licitación do proxecto de remodelación do Liceo Casino

Marín
12 de xaneiro 2022

As firmas interesadas acudiron este mércores ao edificio cos técnicos municipais para coñecer o estado do inmoble e as súas necesidades de cara a converterse no futuro centro de lecer xuvenil

Visita ás instalacións do Liceo Casino de Marín
Visita ás instalacións do Liceo Casino de Marín / Concello de Marín

Cinco empresas mostraron interese en remodelar o local do Liceo Casino de Marín para adaptar as actuais instalacións, que datan de 1993 e ocupan case 1.700 metros cadrados, para habilitar un centro de lecer xuvenil.

O soto será destinado ao arquivo municipal, que estará mellor catalogado e conservado, e contará cunha entrada única.

Nestes momentos, o proxecto está en proceso de licitación e as construtoras aspirantes acudiron este mércores ata as instalacións acompañados dos técnicos municipais.

A inversión total da remodelación, da que se beneficiará tanto a planta baixa como o soto do inmoble, é de 397.940 euros. Esta inversión realizarase con cargo ao remanente de tesourería.

Contará cunha zona de recepción propia xunto ás escaleiras existentes e prevese a instalación dun ascensor para facilitar tanto o acceso peonil como o traslado de cargas pesadas ao arquivo.

No que respecta á planta baixa, a día de hoxe existe unha distribución con usos como cafetaría, sala de baile, ximnasio e piscina.

Con este proxecto, readaptarase esa distribución para poder crear un amplo vestíbulo multiusos, unha sala de traballo e estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.

Cando remate a licitación, a mesa de contratación adxudicará a obra á oferta máis vantaxosa para despois poder iniciar a execución.