Cinco empresas optan a realizar o estudo e proposta de explotación do transporte a demanda de Pontevedra

Pontevedra
25 de agosto 2020

As cinco empresas que presentaron ofertas son Consultora Alomon S.L., Eptisa Servicios de Ingeniería S.L., Iceacsa Consultores S.L.U., Idvia 2020 Horizonte 2020 S.L. e a UTE Mcrit S.L. - Seteoitavas Coop.G.. Demetrio Gómez amosou a súa satisfacción porque as empresas teñen unha ampla experiencia en planificación de transporte a nivel estatal e internacional

Autobús de transporte público Mónica Patxot

Un total de cinco empresas presentaron ofertas para a asistencia técnica para o desenvolvemento do estudo e proposta e explotación do transporte colectivo a demanda do Concello de Pontevedra. A primeira mesa de contratación celebrada para a apertura das ofertas acordou a admisión das 5 presentadas.

O concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, valora que se trata dunha cantidade de empresas "importante" tendo en conta "a dificultade e a orixinalidade" do proxecto e amosou a súa satisfacción porque as empresas que se presentaron teñen unha ampla experiencia en planificación de transporte a nivel estatal e internacional.

As cinco empresas que presentaron ofertas son Consultora Alomon S.L., Eptisa Servicios de Ingeniería S.L., Iceacsa Consultores S.L.U., Idvia 2020 Horizonte 2020 S.L. e a UTE Mcrit S.L. - Seteoitavas Coop.G.

A contratación desta asistencia técnica licitouse cun orzamento de 102.850 euros e cun prazo de execución de 11 meses. Permitirá analizar o comportamento da mobilidade nas parroquias de cara a deseñar solucións acaídas.

Por outra banda, está a piques de rematar o prazo para a presentación de ofertas para a aplicación informática que vai establecer como funcionará este servizo de transporte a demanda. Ten un importe de licitación de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses.

A previsión é que ambas contratacións estean adxudicadas e que comecen a executarse cara finais deste ano. Demetrio Gómez está satisfeito porque "estamos cumprindo os prazos e a folla de ruta que nos marcamos para que Pontevedra, ao final deste mandato, teña funcionando un transporte público a demanda adaptado á realidade do século XXI".