Cinco novas familias adhírense á querela arxentina contra o franquismo

Pontevedra
22 de abril 2021

Verdade, xustiza e reparación. É o que buscan as familias galegas que, a falta dun proceso xudicial en España, miraron cara a Arxentina para investigar o franquismo. Os descendentes de cinco novos represaliados decidiron adherirse á coñecida como 'querela arxentina'

Familias de cinco represaliados diante do consulado da Arxentina en Vigo
Familias de cinco represaliados diante do consulado da Arxentina en Vigo / Deputación de Pontevedra

Verdade, xustiza e reparación. É o que buscan as familias galegas que, a falta dun proceso xudicial en España, miraron cara a Arxentina para investigar o franquismo. Os descendentes de cinco novos represaliados decidiron adherirse á coñecida como 'querela arxentina'.

O consulado arxentino en Vigo recibiu este xoves toda a documentación que acredita os asasinatos do ex alcalde de Valga, Celestino Carbia -fusilado en Monte Porreiro-; do mestre Bernardo Mato, veciño da Estrada; e dos sindicalistas José Lijó e José Sieira, ambos de Ribeira.

A estes casos sumouse a familia do sindicalista Carlos Abella, veciño de Ponteceso, que foi condenado a cadea perpetua por "rebelión militar".

As cinco familias presentaron formalmente os papeis necesarios para adherirse á causa na que a xuíza María Servini está a xulgar os delitos de lesa humanidade cometidos tras o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936 ata ben entrada a Transición.

Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia, destacou que "temos que limpar todo o que pasou, non temos que culpar a ninguén pero témolo que limpar" e asegurou que "non hai dereito" que despois de todo este tempo de loita "teñamos que ir a Arxentina a pedir xustiza".

Pola súa banda, Iria Morgade, bisneta de Bernardo Mato, explicou que adhírese á querela porque o seu familiar "foi unha sombra, un completo descoñecido". A súa muller "decidiu ocultar todo isto aos seus fillos durante toda a súa vida".

Ata o ano 2000 "non soubemos a verdade" e, aínda agora, "sabémola a pequenos trazos". A familia necesita que se faga xustiza, "algo que non fixo o Estado Español durante décadas, abandonando ás vítimas do seu xenocidio" e que fai que "sexan tamén responsables". 

De maneira moi sentida, Dolores Sanlés, neta de José Sieira, explicou que a súa familia "tivo medo sempre" e mesmo a súa nai, hoxe en día, "non quería que viñera porque ten medo, porque son filla dun rojo", pero ese desexo de reparación foi moito máis forte.

Nela Abella representou a Carlos Abella, represaliado que pasou parte da súa vida en cárceres franquistas e "afortunadamente conseguiu sobrevivir". Esta é, segundo destacou, unha "enorme oportunidade de desagravio para meu pai e para o resto das familias" que, lamentou, "debería corresponder ao Goberno español, que sempre nos deixou de lado".

Andrés Lijó, sobriño de José Lijó, subliñou por último que "temos a oportunidade de facer ver isto ao mundo, de que a xustiza tome cartas no asunto", porque considera que "é unha vergoña que a estas alturas do século XXI teñamos que ser as familias as que fagamos isto".

As cinco querelas presentadas este xoves son a continuación das entregadas hai agora tres meses polos asasinatos de Ramiro Paz, Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño.

Todos eles contaron co apoio dun grupo de traballo específico para memoria histórica que se centra en confeccionar querelas contra os crimes do franquismo de lesa humanidade, de cara á súa adhesión á querela arxentina.

A avogada Jana Calero, da Avogacía Nova Viguesa, asegurou que "vémonos obrigados a presentar todo alí debido á pasividade a todos os niveis, tanto lexislativo, político e xudicial do Estado español que sistematicamente arquiva todas as querelas que se interpoñen".

Apuntou que a pandemia foi un "mazazo" á hora de obter a documentación e da coordinación coas familias, pero sinalou que "foi unha gozada contar con todas as familias, que foron moi participativas, e están moi emocionadas. É super emocionante para nós".

Sobre a situación da querela arxentina explicou que ten máis de dez anos de andadura e xa conta con centos de adhesións. "Non fai falta buscar usuarios porque moitísimas familias de represaliados como as que están hoxe aquí están moi interesadas en facer valer a verdade, xustiza e reparación contra os crimes que se cometeron contra os seus familiares", concluíu.