O Hospital Montecelo recibiu este martes a 50 estudantes de cuarto curso do Grao de Fisioterapia do campus pontevedrés da Universidade de Vigo, que comezaron o seu período de prácticas clínicas na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Durante esta etapa formativa, os futuros fisioterapeutas desenvolverán as súas competencias nos tres hospitais da área sanitaria, Provincial, Montecelo e O Salnés; e tamén en centros de Atención Primaria.
Este período práctico resulta fundamental para que os estudantes completen o seu currículo universitario e obteñan a titulación necesaria para exercer como profesionais sanitarios.
A directora de Enfermaría da Área Sanitaria, Concepción Abellás Álvarez, xunto co subdirector Francisco Álvarez Martinez e a supervisora da área de Rehabilitación, Sara Rey Veiga, foron os encargados de dar a benvida ao grupo estudantil.
O acto de recepción, celebrado no salón de actos do Montecelo, incluíu tres ponencias específicas para preparar aos estudantes no seu futuro exercicio profesional.
Alfonso Frieiro Novoa, supervisor de unidade de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, explicou aos alumnos as normas básicas dos turnos rotatorios que efectuarán durante este período.
A segunda intervención correu a cargo de Silvia Sanchez Radío, membro do Comité Ético Asistencial da Área Sanitaria, que abordou a importancia do compromiso de confidencialidade, o segredo profesional e a intimidade do paciente.
O acto rematou coa ponencia de Mercedes Castro Bacariza, supervisora do servizo de Medicina Preventiva do Complexo, que aportou conceptos sobre hixiene de mans e medidas preventivas de transmisión de xermes multiresistentes.

A unidade de Docencia e Formación Continuada foi a responsable de organizar estas ponencias, consideradas de especial relevancia para o desenvolvemento profesional dos futuros profesionais.