Cincuenta menores de Soutomaior participan no campamento gratuíto de Semana Santa

Soutomaior
31 de marzo 2026

O programa municipal de conciliación ofrece actividades lúdicas e catro opcións de horario para facilitar a organización das familias

Actividades no Espazo Concilia de Soutomaior
Actividades no Espazo Concilia de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Nova edición do Espazo Concilia en Soutomaior, un servizo de lecer destinado a facilitar a organización das familias durante o período de vacacións escolares.

O alcalde, Manu Lourenzo, recibiu aos participantes que acudirán ás sesións programadas para os días 30 e 31 de marzo, así como o 1 e o 6 de abril.

Esta iniciativa, xestionada pola Concellería de Igualdade ao abeiro do Plan Corresponsables, é de balde para as persoas usuarias.

O programa conta con cincuenta prazas cubertas por menores de entre 3 e 16 anos, cuxa selección se realizou seguindo criterios de vulnerabilidade e, posteriormente, por orde de inscrición.

Para dar resposta ás necesidades de cada fogar, a administración local estableceu catro posibilidades horarias.

O horario xeral desenvólvese de 09:00 a 14:00 horas, pero compleméntase coa opción de aula matinal desde as 08:00 horas e cunha aula de mediodía que permite estender a recollida ata as 15:00 horas.

Manu Lourenzo visitando o Espazo Concilia
Manu Lourenzo visita o Espazo ConciliaConcello de Soutomaior

A programación para estas xornadas inclúe actividades deportivas, obradoiros e xogos educativos que se desenvolven cun enfoque participativo e perspectiva de xénero.

Sempre que as condicións meteorolóxicas o permiten, os menores realizan exercicios ao aire libre, tal e como aconteceu nesta xornada inaugural na área de lecer do Peirao.