Ciudadanos elixe o hostaleiro Carlos Fontán como o seu novo coordinador en Pontevedra

Pontevedra
31 de xaneiro 2021

O novo coordinador de Ciudadanos comprometeuse a traballar coa "maior ilusión" por este proxecto, do que destacou que conta cun equipo "revolucionario" no que ningún membro foi activo en política ata o de agora

Carlos Fontán, novo coordinador de Ciudadanos en Pontevedra Ciudadanos Pontevedra

Tras unha profunda renovación da súa cúpula en Pontevedra, Ciudadanos elixiu a Carlos Fontán, hostaleiro de profesión, como o seu novo coordinador na cidade.

Acompañaranlle Pedro Estévez como secretario, Mónica Garrido como responsable de administración e loxística, Juan Baquero facendo de responsable de ligazón institucional e Silvia Villaverde, que exercerá como responsable de comunicación e redes sociais.
 
O novo coordinador de Ciudadanos comprometeuse a traballar coa "maior ilusión" por este proxecto, do que destacou que conta cun equipo "revolucionario" no que ningún membro foi activo en política ata o de agora.

"Temos unha iniciativa e inquietude constante por facer crecer un novo proxecto na cidade", sinala Fontán, que asegura que "nos centraremos en facer a política útil da que carece a cidade hoxe en día".

O novo líder do partido de Inés Arrimadas na cidade afirma que "viñemos a axudar e a tender pontes", pero todo iso "sen deixar de lado" a fiscalización da actuación municipal "que tanto nos ten preocupados no último ano a todos os cidadáns".

NOVO COORDINADOR EN VILAGARCÍA

Esta renovación en Ciudadanos chegou tamén a Vilagarcía, que contará co xurista Gerardo Santos como novo coordinador. O cargo englobará tamén a responsabilidade sobre as agrupacións de Cambados e Sanxenxo, segundo informa o partido nunha nota de prensa.

 "O obxectivo é recuperar o espírito de servizo e traballo en conxunto que nos caracterizou sempre co ánimo e a ilusión de volver situar ao noso partido no lugar que lle corresponde", sinalou Santos.