Numerosas persoas achegáronse ao longo deste domingo pola Praza de España para observar os vehículos antigos que se mostraban nesta exhibición que organiza anualmente o Club A.V.A. (Amigos dos Vehículos Antigos).
Trátase da quinta concentración que organiza a entidade en Pontevedra e nesta ocasión observáronse desde o clásico Seiscentos a un Cadillac, un Ford Taunus, un Lincoln Continental e antigos modelos de Mercedes, BMW, Renault, Seat ou Citroën
Ademais, nesta ocasión, os visitantes tiveron a oportunidade de ver oun clásico camión de bombeiros do Parque Municipal, un autobús de Autocares Cuiña e unha ambulancia de tempos remotos.
O público aproveitou para fotografarse diante dos deportivos máis espectaculares dos anos 50 e 60.
Os turismos realizaron unha ruta pola cidade, como xa é tradicional, ademais de celebrar unha comida destinada ás persoas propietarias participantes.
O Club A.V.A. tamén entregaba un agasallo ao Concello de Pontevedra, a través da concelleira Anabel Gulías, por colaborar neste evento.