Clece deixa de prestar o servizo de axuda no fogar en Pontevedra

Pontevedra
17 de outubro 2017

A empresa Clece, ata agora adxudicataria do servizo de axuda no fogar de Pontevedra, comunicou que, a partir deste mércores 18 de outubro, abandona as súas obrigacións ao finalizar o contrato co concello pontevedrés

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar / Clece

A empresa Clece, ata agora adxudicataria do servizo de axuda no fogar de Pontevedra, comunicou que, a partir deste mércores 18 de outubro, abandona as súas obrigacións ao finalizar o contrato co concello pontevedrés.

Nunha carta remitida ás traballadoras, Clece comunícalles que en virtude do convenio colectivo vixente pasarán a estar adscritas á nova empresa adxudicataria do servizo, quen deberá subrogar a todo o persoal con todos os dereitos e obrigacións que tiñan adquiridos ata a data.

Debido a que non existe tal empresa -ao aprobarse aínda a nova licitación na Xunta de Goberno celebrada o pasado venres-, Clece asegura non dispoñer dos datos da compañía que se fará cargo do servizo, polo que remitiu toda a información acerca das súas traballadoras ao propio Concello de Pontevedra.

Desde o goberno municipal, a falta de examinar a comunicación da empresa, garanten en todo caso que os usuarios do servizo de axuda no fogar seguirán recibindo a mesma atención que ata agora, sexa cal for a empresa que se faga cargo do mesmo.

A nova licitación prevé adxudicar o servizo por un período de catro anos prorrogable outro máis por un importe de 1.375.529,24 euros anuais, case o dobre do actual contrato. Implicará contratar máis de 90.000 horas ao ano a un prezo de 14,25 euros a hora (IVE non incluído), o que supoñerá un incremento importante do número de beneficiarios do servizo.