O Concello de Pontevedra difundiu os datos do servizo de taxi na modalidade de transporte a demanda denominado 'coche de punto'.
Desde a súa posta en marcha o pasado 7 de outubro esta alternativa de transporte suma 698 servizos e 4.602 quilómetros percorridos.
Un total de 16 taxistas da cidade ofrecen este servizo que a partir do luns 17 de febreiro deixará de ser gratuíto pasando a custar cada viaxe 2,15 euros, o resto do billete sería subvencionado polo Concello.
Deste xeito, 2,15 euros é o prezo máximo que, de maneira global, terá que pagar cada unha das persoas que se suba ao vehículo, que poderá ser compartido por varios pasaxeiros.
Haberá bonificacións para diferentes segmentos de poboación, sobre todo para os menores de 10 anos, que viaxarán gratis. As persoas xubiladas e desempregadas terán descontos do 40% e do 25%, respectivamente.
Os usuarios son veciños de Pontevedra que teñen a súa residencia en zonas de baixa densidade, con tráfico débil e ou sen as mínimas condicións de accesibilidade na periferia e o rural.
Todas as reservas hai que facelas polo menos o día anterior ao servizo a través das plataformas a páxina web (cochedepunto.gal), a aplicación para móbil ou do 986 07 00 66 (chamando entre as 18.00 e as 20.00 horas).