As 53 entidades que forman parte no movemento asociativo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) mostran a súa preocupación ante o impacto do coronavirus nas persoas con discapacidade.
Así o expresaron na xuntanza mantida dentro da súa Asemblea Xeral Ordinaria, que este ano tivo que ser online, e na que abordaron os efectos da pandemia da COVID-19 nas persoas con discapacidade, un colectivo xa de por si castigado nas crises precedentes.
COGAMI ten presenza na comarca de Pontevedra a través das asociacións Amizade (Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra), ALCER Pontevedra (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril de Pontevedra) e Anduriña (Asociación de Persoas con Discapacidade do Salnés), ademais das 14 entidades que prestan o seu servizo para toda a provincia.
COGAMI pide que se teña en conta a vulnerabilidade das persoas con discapacidade, xa que a actual crise de saúde pública está provocando unha crise social e económica de efectos devastadores para as persoas con discapacidade e as familias.
Desde COGAMI lémbrase que o colectivo de persoas con discapacidade ve incrementada a situación de indefensión a consecuencia das medidas de illamento decretadas e tralo peche dos centros ocupacionais, de día, sociais, educativos, xunto coa práctica desaparición das súas redes de apoio unido ás consecuencias económico sociais do momento.
O presidente da Confederación Galega, Anxo Queiruga, lembra que as propias asociacións tiveron que facer un esforzo extraordinario para continuar coa "prestación dos servizos de atención a persoas con discapacidade e familias, aínda que utilizando fórmulas alternativas ás habituais,como a atención telefónica, as videochamadas, visitas a domicilios, entrega de medicación, compra de alimentos e o deseño e posta en marcha de plans de traballo para que as persoas os poidan realizar dende as casas".
Con todo, estas medidas son insuficientes unha vez se retome a actividade habitual, para o cal reclama o deseño de protocolos de prevención a corto e medio prazo nos centros de atención diúrna e dotalos de equipos de protección individual (EPIs) e test rápidos de detección da COVID-19.
A interrupción dos prazos administrativos é un tema especialmente preocupante para este colectivo, xa que está a deixar fóra da asistencia domiciliaria a moitas persoas que o precisan pero están pendentes da valoración do seu grao de discapacidade. Por este motivo, solicitan ás autoridades públicas unha resposta prioritaria para retomar as valoracións de dependencia e discapacidade e a xestión de prestacións.
Esta petición ás administracións públicas esténdese á necesaria participación das persoas con discapacidade e as familias, a través das súas organizacións representativas, nos plans de reconstrución social e económica que se desenvolvan tanto a nivel europeo, estatal e autonómico na volta á normalidade. Reclámase, así mesmo, que non se recorte, segundo adiantou o Goberno central, o recadado do IRPF que se destina para fins sociais.