Coidadoras de gatos da rúa, o labor silencioso ao caer a noite

Pontevedra
23 de agosto 2023

A través de dúas voluntarias da asociación Difusión Felina coñecemos o día a día das persoas que desinteresadamente se ocupan de alimentar e coidar ás preto de 200 colonias de gatos da rúa na cidade de Pontevedra e arredores

Susana Boullosa e Eva de Dios xunto á colonia felina de Arcebispo Malvar
Susana Boullosa e Eva de Dios xunto á colonia felina de Arcebispo Malvar

A cita é ás nove da noite nunha das preto de 200 colonias felinas rexistradas na cidade de Pontevedra. Mentres centos de persoas gozan do seu tempo de lecer no Campiño de Santa María, na rúa que discorre aos seus pés, Arcebispo Malvar, unha voluntaria da asociación protectora de animais Difusión Felina cumpre cada día unha estudada rutina.

O seu nome é Eva de Dios. No encontro con PontevedraViva chega na compaña de Susana Boullosa, voluntaria tamén de Difusión Felina e ademais secretaria da asociación. Esta última trae o transportín que utilizan para realizar os rescates de gatos. "É que a última vez que me chamou Eva foi para rescatar unha gata e tróuxeno por se acaso". Con esa gata, de nome Eyra, arrinca este relato.   

"Eu viña de traballar, eran as dez e media da noite e chamoume, que acababa de atopar un bebé en mal estado, que lle faltaba un anaco de boca. Vinme para aquí e avisei os meus compañeiros", comenta Susana. Rapidamente mobilizáronse varios membros da asociación, "porque non sempre hai veterinarios de urxencia en Pontevedra e ás veces temos que marchar a Vigo, non é o primeiro gato que morre por culpa diso", laméntase a voluntaria. "Recollémolo, marchamos voando para o veterinario e grazas a deus a gatiña recuperouse e foise felizmente a unha casa". 

Difusión Felina non revela o destino final destes michos ata que a familia adoptante autoriza a súa difusión en redes sociais, un apoio indispensable para dar a coñecer o traballo da asociación. Este mesmo luns nunha publicación no Facebook de Difusión Felina poñíanlle cara á familia adoptante de Eyra, e tamén á de Celeste, Silvo e Ortiga, Lucero e Fortuna, Mourentina, Milo e Morgana. 

Eva de Dios recoñece que "eu nunca fun de gatos, eu fun de cans; meu pai tamén, cando vía un can abandonado traíamo a casa, ás veces os donos aparecían e eu fartábame a chorar". Seguímola mentres alimenta a unha das tres colonias das que se ocupa. Para a nosa sorpresa, confesa que lle ten medo aos gatos. A explicación de novo ten nome propio, o do gato Yovito.

"Había un gato nun muro da rúa Formigueira e durante moito tempo entre unha veciña e eu dabámoslle de comer porque as nosas xanelas daban a esa leira. Como empezaron a construír, preocupábame que ía pasar co gato", sinala Eva. Como o felino xa era maior, 18 anos, decidiu acollelo na súa casa. 

"Ao quinto ou sexto día, chameille para comer e el lanzouse ás pernas, e aí foi onde me deu a primeira rabuñadura. Collín o colchón da cadela, o gato rebotou, conseguín chegar ata a porta e chamei a Adopcións Galicia. Aos tres días apareceu unha parella para adoptalo, pero volveu facer o mesmo. De Difusión Felina, unha voluntaria, María, preguntoume: se cho castro, quérelo?, e volvinme facer cargo do gato. Ao castrarlo xa non atacaba, con tal mala sorte que tiña tumores no estómago, duroume dous anos e tiveron que sacrificalo. Cando veu despedirse a veciña, tamén a rabuñou, pero creo que foi porque o colleu pola barriga e debíalle doer polos tumores".

Susana advirte que cando se colle un gato hai que facelo "con moita precaución, os gatos non mostran a dor e non sabes o que lle pode estar a pasar". Por iso en Difusión Felina, cando van realizar un rescate, as persoas voluntarias levan, ademais do transportín, unhas luvas protectoras, unha toalla para envolvelo, auga e unha lata de "comida fácil" para atraer ao gato e á vez alimentalo, por se leva moito tempo sen comer.

Estes rescates son, por desgraza, numerosos. Tanto é así que Difusión Felina viuse obrigada a frear as súas actividades no verán. "Tivemos que paralizar momentaneamente porque só entre abril e maio collemos máis de 75 bebés e rompemos. As casas de acollida, o diñeiro que tiñamos, todo foi para eles". 

O perfil do voluntariado segue sendo maioritariamente feminino e un rango de idade a partir dos 40 anos. Eva de Dios chegou a Difusión Felina por un cúmulo de casualidades, cando unha veciña lle pediu que a acompañase a alimentar á súa colonia. "É unha señora maior, e como caeu varias veces, pediume que me fixese cargo dos seus gatos". 

Na súa rolda diaria, Eva porta un carné que expide o Concello de Pontevedra e que identifica tanto á alimentadora de gatos como ás colonias felinas das que se ocupa. "Os gatos só poden ser alimentados por persoas rexistradas no Concello". Unha medida necesaria para evitar que particulares lles dean comida a gatos da rúa sen control, co risco de infeccións e de aparición de ratas. Tamén o rexistro serve para denunciar os problemas que xurdan nas colonias, nas que a miúdo se atopan con achados desagradables, como o envelenamento recente de varios felinos en Lérez e Mollabao.

Eva repártese entre unha colonia de gatos na contorna da basílica de Santa María, á que acode ás 16:30 horas, e dúas en Arcebispo Malvar, que atende entre as 20:00 e as 22:00 horas, un horario extenso porque unha vez que lles pon a comida ten que vixiar para que non lla coman as gaivotas. "Todos os días, chova ou trone, no inverno póñome a gabardina e o gorro, e con dous paraugas para que a comida non se lles molle coa choiva". 

A comida lévaa nun carro da compra, no que tamén transporta botellas de auga e recipientes. "Estas latas vou ao Mercadona a buscalas, é a única comida que me comen, á parte do penso". Cada certo tempo, Difusión Felina pon en marcha campañas de recollida de alimentos na porta dos supermercados da cidade, pero non alcanza para todas as colonias ás que atenden. "Eu ás veces sácomo de min para darlle de comer aos gatos, tamén a señora Tita (a anterior encargada das súas colonias) axúdame", comenta Eva. Neste punto pasma descubrir que non só alimenta os gatos, xa que nunha das colonias conviven cun raposo. "Ao raposo tráiolle un táper de polo cocido, para que non se achegue á comida dos gatos, porque lle teñen medo e se non saen correndo". 

Tamén a secretaria de Difusión Felina insiste nas dificultades que afrontan os voluntarios. "A xente pásao moi mal, porque ter unha colonia con dez gatos xa é, pero temos xente con 10 ou 15 colonias e todo o que conleva, e iso non hai soldo que o ature". O ano pasado o Concello de Pontevedra cedeulles alimento, "pero nada chega", quéixase. "Somos a Seguridade Social dos gatos", pero neste caso sen recibir ningunha partida regular de diñeiro público.  

Como voluntario, casa de acollida temporal, unha adopción, achegando alimento ou simplemente cunha doazón a partir dun euro. Calquera axuda é ben recibida por Difusión Felina, que subsiste grazas ao apoio dos voluntarios. Quen desexe colaborar, nas súas páxinas de Facebook (www.facebook.com/difusion.felinapontevedra) e Instagram (@difusionfelinapontevedra) pódese acceder a toda a información.