A cidade consolídase como referente en materia de compostaxe e boas prácticas ambientais a todos os niveis: galego, estatal e europeo.
Impulsado polo Concello de Pontevedra e coa colaboración da empresa adxudicataria do contrato de residuos, PreZero, este sistema demostra que é posible transformar os biorresiduos nun recurso útil de gran valor: o compost.
Esta xestión dos residuos favorece a economía circular e é unha aposta firme pola sustentabilidade.
A participación cidadá, clave
Unha das chaves do éxito da compostaxe en Pontevedra reside -sen dúbida- na participación da veciñanza que, desde a posta en marcha das primeiras illas de compostaxe urbanas, aposta polo modelo sumándose á iniciativa.
Este exercicio de responsabilidade e conciencia colectiva redunda no coidado do medio ambiente e na mellora da calidade de vida, da que Pontevedra é, tamén, un referente.

Beneficios da compostaxe
A compostaxe permite reducir os residuos orgánicos e convertelos en compost, un fertilizante natural de gran valor que pode empregarse para mellorar a terra das hortas, xardíns ou plantas.
Este sistema contribúe, ademais, á disminución das emisións de CO₂, porque se reduce de maneira significativa o transporte de residuos, e mellora a saúde do solo. Todo vantaxes.
Na cidade contamos con 33 illas de compostaxe comunitaria a pleno rendemento, unha cifra que medrará da man de PreZero ata as 100 nos próximos meses. Deste xeito ampliaranse aínda máis as posibilidades para que toda a veciñanza poida participar.
Como se composta en Pontevedra
O sistema ten dúas modalidades:
Compostaxe comunitaria: dirixida a persoas que vivan en pisos ou cuxas vivendas non dispoñan de terreo exterior. Para compostar é necesario separar os biorresiduos na casa (restos de comida, froita, verdura, etc) e depositalos no composteiro comunitario máis próximo á vivenda.
Seguindo as indicacións da guía de compostaxe que se pode consultar nas propias illas ou na web www.residuos.pontevedra.gal, o proceso realízase de maneira moi sinxela. O resultado chega logo, xa que en poucos meses se obtén o primeiro compost.
Compostaxe individual: destinada a vivendas unifamiliares con xardín ou un terreno. Os composteiros deben solicitarse na web www.residuos.pontevedra.gal/compostar O sistema permite xestionar os residuos no propio fogar e obter o compost para uso particular.

Coidado do medio ambiente
A participación neste sistema supón un pequeno xesto individual pero ten un grande impacto colectivo, ademais de ser un exercicio de responsabilidade medioambiental.
Co apoio técnico de PreZero, garántese o correcto funcionamento dos composteiros e o apoio á cidadanía durante todo o proceso.
Pontevedra demostra, así, que as sinerxías entre administración, empresas especializadas e veciñanza son fundamentais para avanzar cara un futuro máis verde.