A veciñanza de Cerdedo-Cotobade celebrará o vindeiro mércores 13 de agosto unha xornada de memoria histórica na parroquia de Pedre para lembrar as vítimas da represión franquista na comarca da Terra de Montes.
Os actos, organizados pola veciñanza e o Colectivo Lumieira da Terra de Montes, comezarán ás 19.00 horas na Casa do Pobo de Pedre coa presentación do primeiro proxecto deste colectivo.
A iniciativa, que xurdiu hai un ano durante a homenaxe na Ponte do Barco, consiste na documentación e xeolocalización nunha páxina web de todas as Casas do Pobo relacionadas co agrarismo e o movemento obreiro do antigo Concello de Cerdedo, edificacións que foron incautadas e incorporadas aos sindicatos verticais falanxistas tras o golpe militar de 1936.
Os organizadores anunciaron tamén a realización dunha ruta guiada por estas casas nos próximos días.
Posteriormente, ás 20.00 horas, celebrarase na Ponte do Barco a tradicional homenaxe a Secundino Bugallo e Francisco Arca, dous cerdedenses asasinados nese lugar hai 89 anos.
O acto contará con intervencións de persoas solidarias e actuacións musicais, e incluirá tamén unha mención á situación de Palestina.
As Casas do Pobo de Cerdedo xurdiron a principios do século XX como resultado da organización do movemento labrego, operario e artesán, especialmente influenciado pola experiencia dos canteiros cerdedenses que traballaron en grandes cidades.
A primeira foi a Sociedad de Agricultores de Cerdedo, presidida polo socialista José Garrido Paz, á que seguiron as de Castro, Bugarín e a de Canteros de Cerdedo, todas baixo a órbita da UGT.
Este movemento logrou un fito histórico en 1917, cando os concelleiros agrarios conseguiron a maioría na corporación municipal, elixíndose como alcalde ao agrario de Pedre José Fentanes Barros, o primeiro non vinculado aos caciques tradicionais.