Reencontro en Marín da familia Lobeira para plantar unha oliveira, froito da loita e memoria

Marín
11 de agosto 2025

62 descendentes de exiliados e combatentes pola democracia congregáronse en Loira para inaugurar un "lugar da memoria"

Alexander Vórtice escribe sobre a familia Lobeira
Alexander Vórtice escribe sobre a familia Lobeira / Familia Lobeira

Loira, en Seixo (Marín), foi o sábado o emotivo punto de encontro para 62 membros da familia Lobeira, chegados desde México, Euskal Herria, Canarias e diversos puntos de Galicia.

O motivo: render unha merecida homenaxe aos seus antepasados, quen, como consecuencia do exilio e a persecución franquista, loitaron pola democracia, a xustiza e a liberdade.

Os actos de recoñecemento e dignificación comezaron coa inauguración dunha placa conmemorativa na fachada da casa onde naceron e se criaron os irmáns Lobeira, en Montecelo-Loira.

Este inmoble foi declarado un "lugar da memoria" pola familia, tanto desde o punto de vista persoal como para o conxunto da sociedade. Como símbolo de paz e recordo, plantouse colectivamente unha oliveira na entrada da vivenda, nun xesto cargado de significado.

A historia dos irmáns Lobeira é un testemuño de coraxe e resiliencia. Gerardo Lobeira Rodríguez combateu contra o franquismo na defensa de Bilbao, secuestrou un pesqueiro co que fuxiu á Francia, e seguiu loitando como carabineiro do mar en Cataluña.

Tras estar prisioneiro en campos de concentración no sur da Francia, uniuse á Resistencia Francesa contra a ocupación nazi, onde atopou a morte en agosto de 1944, sendo declarado heroe nacional da Francia.

Manuel Lobeira Rodríguez alistouse na Mariña de Guerra Vasca, sobrevivindo a bombardeos e foi condecorado polo seu valor polo Goberno da República. Tras exiliarse coa frota republicana no norte de África, escapou de campos de concentración en Tunisia e Alxeria para participar no servizo aliado de espionaxe contra a ocupación durante a Segunda Guerra Mundial. Finalmente, puido reconstruír a súa vida como refuxiado político en México, sen poder regresar á Galicia ata 1977.

Antonio Lobeira Rodríguez, tamén na Mariña de Guerra Vasca, participou en operacións de tráfico de armas en Bélxica e morreu en combate na batalla do Segre en novembro de 1938. Os seus restos descansan nunha fosa común en Cervera (Lleida), á espera da súa próxima exhumación e retorno á Galicia.

José Lobeira Rodríguez, tras loitar na Mariña de Guerra Vasca e participar en evacuacións de refuxiados, estivo preso en campos de concentración na Francia antes de regresar á Galicia moitos anos despois.

Consuelo Lobeira Rodríguez, unha "nena da guerra", foi evacuada de Euskal Herria tras o bombardeo de Gernika e pasou anos como refuxiada na Francia antes de retornar á Galicia.

Os pais dos irmáns, Manuel Lobeira e Laureana Rodríguez, xunto ao resto dos seus fillos (Amalia, Fernando, Benito e Ángela), sufriron as consecuencias da persecución e estigmatización franquista en Loira.

Placa da Casa dos Lobeira, en Loira
Placa da Casa dos Lobeira, en LoiraFamilia Lobeira

A xornada de confraternidade culminou cun xantar, e a familia Lobeira expresou o seu agradecemento a todos os que contribuíron ao éxito do encontro, especialmente á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e á súa presidenta, Enriqueta Otero, así como aos historiadores Celso Milleiro e María Torres, e aos veciños de Loira que se sumaron á celebración.

A familia Lobeira acordou continuar desenvolvendo accións de recoñecemento, divulgación e homenaxe á vida e traxectoria dos irmáns, asegurando que o seu legado de loita pola democracia e a liberdade perdure na memoria colectiva.