O sábado 9 de agosto, a partir das 12 do mediodía, na praia de Loira, en Seixo, a familia Lobeira vai facer un acto moi especial para homenaxear e lembrar a varios dos seus membros "loitadores pola democracia, a xustiza e a liberdade".
Durante a xornada, colocarase unha placa na fachada da casa onde naceron e creceron os irmáns Lobeira, en sinal de recoñecemento e memoria. Ademais, todos os membros da familia plantarán xuntos unha oliveira, que simboliza paz, recordo e orgullo por estas persoas. Ao terminar, haberá un xantar de confraternidade.
Este acto organízano os fillos, fillas, netas e netos dos irmáns Lobeira, en memoria de Gerardo, Manuel, Antonio, José e Consuelo Lobeira Rodríguez.
Segundo lembra a súa familia, Gerardo Lobeira Rodríguez combateu contra o franquismo como soldado de infantaría na defensa de Bilbao (1936-1937), secuestrou un pesqueiro co que fuxiu á Francia (1937), seguiu combatendo como carabinero do mar en Cataluña (1937-1939), estivo preso en varios campos de concentración no sur de Francia (1939-1940), e finalmente ingresou na Resistencia Francesa contra a ocupación nazi (1940-1944), ata que morreu ametrallado (agosto de 1944) no marco dunha misión. Por ese motivo foi declarado heroe nacional da Francia, e o seu nome figura inscrito nun monólito e en varios espazos dese país.
Manuel Lobeira Rodríguez, alistouse na Mariña de Guerra Vasca (1936-1937), sobrevivindo a diversos bombardeos e accións bélicas. Segue combatendo en Cataluña en 1937-1938. En agosto de 1938 fai parte da dotación do destrutor "José Luís Díez", co que tenta, desde Le Havre (Franza) pasar o estreito de Xibraltar. O buque recibiu varios impactos de artillaría (con baixas) polo que se refuxiou en Xibraltar (dominio británico). Nun novo intento de saída o buque acaba novamente danado. Por esta acción Manuel foi condecorado polo seu valor polo Goberno da República. Coa flota republicana exiliouse no norte de África. Alí estivo preso en varios campos de concentración de Túnez e Alxeria, dos que fuxiu e participou -xa na Segunda Guerra Mundial- no servizo aliado de espionaxe e intelixencia contra a ocupación. Finalmente puido reconstruír a súa vida como refuxiado político en México. Non puido volver á Galicia até despois de 1977, coa promulgación da lei de Amnistía.
Antonio Lobeira Rodríguez tamén se alistou na Mariña de Guerra Vasca, onde participou en operacións en Bélxica de tráfico de armas a favor do exército vasco e da República. Segue combatendo en Cataluña en 1937-1938. Morre en combate (novembro de 1938) por impacto de bala na batalla do Segre. Os seus restos descansan nunha fosa común en Cervera (Lleida), á espera da súa próxima exhumación e retorno a Galicia.
Igual que os seus irmáns, tamén José Lobeira Rodríguez alistouse na Mariña de Guerra Vasca, onde participou en operacións de evacuación e rescate de refuxiados en Lekeitio. Segue combatendo en Cataluña en 1937-1938. A partir de 1939 está preso, como exiliado, en diversos campos de concentración no sur de Francia. Finalmente pode reconstruír a súa vida, moitos anos despois, volvendo á Galicia.
Pola súa banda, Consuelo Lobeira Rodríguez fue unha "nena da guerra", sendo evacuada de Euskal Herria despois do bombardeo de Gernika. Botou anos como refuxiada cunha familia de Briançon, nos Alpes, tamén no marco da Segunda Guerra Mundial, ata que anos despois puido retornar á Galicia.
Os seus pais, Manuel Lobeira e Laureana Rodríguez, e outros irmáns (Amalia, Fernando, Benito e Ángela Lobeira Rodríguez), sufriron a persecución do franquismo e a estigmatización en Loira. Por iso, décadas despois, a familia quere renderlles unha homenaxe.
Nestes actos tamén participará a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) de Marín, con intervencións da súa presidenta, Enriqueta Otero, e de historiadoras como María Torres e Celso Milleiro, entre outros.