Lembranza e cultura en Carracedo na memoria dos fusilados en 1936

Umia
23 de xuño 2025

Setenta persoas participaron no percorrido organizado por Carracedo Fala, que homenaxeou tamén os mestres republicanos Pilar Poza e Agustín Álvarez

Ruta na Igrexa de Carracedo
Ruta na Igrexa de Carracedo / Carracedo Fala

A asociación cultural Carracedo Fala revelou este domingo os detalles de dous fusilamentos acontecidos na parroquia caldense tras o golpe de Estado de xullo de 1936 contra a democracia republicana. Os datos foron trasladados aos participantes da primeira ruta histórica organizada polo colectivo, na que participaron arredor de 70 persoas.

O historiador e presidente da asociación, Javier Frieiro, explicou que no lugar do Rego do Forno apareceron en setembro de 1936 os corpos de dous descoñecidos, "un morto por hemorraxia interna e outro por disparo de arma de fogo". Estes casos súmanse aos seis asasinatos xa documentados no concello de Caldas sen xuízo nin sentenza previa.

Durante o percorrido tamén se reivindicou a figura de dous mestres comprometidos coa República: Pilar Poza e Agustín Álvarez, docentes das escolas unitarias de nenas e nenos respectivamente, que foron apartados pola súa ideoloxía de esquerdas tras o golpe militar.

Segundo explicaron os organizadores, estes educadores "simbolizaban ben o novo espírito daquel maxisterio dos anos 30, promocionando valores como a liberdade, o laicismo e impulsando novas metodoloxías de ensinanza".

A ruta comezou na Carballeira do cura, onde membros da directiva explicaron as orixes das festas patronais e a historia da igrexa e da Reitoral.

O percorrido continuou por outros puntos destacados como o leguario da N-550, a influenza do Camiño de Santiago ou a construción da Escola Infantil por parte da veciñanza nos anos 60.

O evento, que rematou cun pequeno petisco no local social, caracterizouse polo intercambio de anécdotas e datos entre os asistentes, moitos deles recuperados da memoria colectiva grazas a esta iniciativa cultural.

Ante o éxito da actividade, Carracedo Fala traballa xa na preparación doutras rutas que percorrerán diferentes puntos da parroquia que "aínda teñen moito que contar". Paralelamente, a asociación prepara o número 9 do seu boletín e a súa participación na Feira Tradicional de Caldas, que este ano se traslada do Xardín ao paseo da Tafona.

Ruta no Oratorio de Carracedo
Ruta no Oratorio de CarracedoCarracedo Fala
Visita á contorna da igrexa de Carracedo
Visita á contorna da igrexa de CarracedoCarracedo Fala