Colectivos feministas lanzan unha advertencia aos partidos políticos ante o 25-S: "Se non conto, non voto"

Pontevedra
25 de agosto 2016

Cinco colectivos feministas de Galicia decidiron irromper na precampaña electoral dos comicios autonómicos para facer forza e conseguir que os partidos políticos inclúan nos seus programas unha serie de medidas do ámbito da igualdade e a loita contra as violencias machistas e, unha vez que cheguen ao Parlamento, as inclúan nas súas axendas de traballo diarias

Presentación da campaña de colectivos feministas 'Se non contas con nós, non contes co noso voto" Cristina Saiz

Cinco colectivos feministas de Galicia decidiron irromper na precampaña electoral dos comicios autonómicos para facer forza e conseguir que os partidos políticos inclúan nos seus programas unha serie de medidas do ámbito da igualdade e a loita contra as violencias machistas e, unha vez que cheguen ao Parlamento, as inclúan nas súas axendas de traballo diarias. Trátase dun conxunto de 39 propostas que xa foron trasladadas a todas as formacións cunha advertencia: as mulleres son máis da metade da poboación e, se non as teñen en conta nos seus programas, non terán o seu voto. 

"Se non contas con nós, non contes co noso voto", reza o slogan da campaña, que se resumiu, para a súa difusión nas redes sociais, no hashtag #senoncontononvoto. Ademais de elaborar unha proposta de mínimos que deberían cumprir todos os programas e solicitar a todos os partidos unha reunión para explicarlla, elaboraron unha serie de vídeos que difundirán ao longo do mes de setembro resumindo o espírito da iniciativa. 

A campaña está impulsada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Teenses pola Igualdade, O Soño de Lilíth, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega e a Rede Pontevedra pola Igualdade. As súas representantes compareceron este xoves en rolda de prensa para presentala e explicar que o documento enviado aos partidos foi elaborado por un grupo máis amplo, pois se trata dunha "campaña de mulleres porque estamos todas fartas de que non nos teñan en conta"

O obxectivo é que as forzas se comprometan a favorecer un Gran Acordo Político pola Igualdade en Galicia e para a erradicación das violencias machistas, adquirindo a totalidade dos seus 39 compromisos, pero, sobre todo, valorarían positivamente que desde o Parlamento se aplicaran as medidas, pois a igualdade está moi lonxe de ser unha realidade e, moito máis, desde a chegada da crise, pois as políticas públicas específicas "sufriron grandes recortes". 

"Unha democracia plena ha de ter en conta ás persoas por riba dos mercados e ha de basearse na plena igualdade de oportunidades, de trato e de consideración entre homes e mulleres, que están aínda lonxe de lograrse", sosteñen desde a plataforma, na que tamén hai persoas vinculadas aos partidos políticos, pero que se define como apartidista. 

As medidas que propoñen pasan por garantir os recursos que fagan posible a implementación das políticas de igualdade, impulsar a educación como "base fundamental" da loita contra a desigualdade e a violencia machista, dar visibilidade ás mulleres, erradicar o sexismo, conseguir unha transvesalidade da perspectiva de xénero ou garantir o dereito para decidir das mulleres, entre outras que se resumen nos vídeos da campaña e no documento adxunto.