O colexio da Florida terá un novo acceso en coche mentres duren as obras da contorna

Sanxenxo
21 de agosto 2025
Actualizado: 16:12

A entrada principal ao centro educativo estará operativa só para peóns durante a actuación de mellora de seguridade viaria. Autobuses e vehículos poderán chegar pola Rúa Miraflores en setembro

Parcela onde se habilitará un novo acceso para o colexio da Florida
Parcela onde se habilitará un novo acceso para o colexio da Florida / Concello de Sanxenxo

En setembro, cando empezo o novo curso escolar, estarán en marcha as obras de mellora da seguridade viaria na contorna do colexio da Florida e, durante todo o tempo que duren os traballos, o centro terá un novo acceso.

O Concello de Sanxenxo habilitará un novo acceso por Rúa Miraflores para autobuses e vehículos.

Operarios municipais acondicionarán unha nova entrada para coches mentres que a porta principal seguirá estando operativa para acceso dos peóns durante aproximadamente o mes que duren as obras.

Pola Rúa Miraflores habilitarase unha entrada para Infantil e outra, para Primaria.

As concelleiras de Educación, Nati Parada; Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza; e Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron a zona con membros do equipo directivo.

Esta obra ten un orzamento de 64.960 euros, dos cales 55.170 euros proveñen dunha axuda da Agader.

O pavimento está bastante deteriorado polo uso, polo que é necesario substituílo por completo. Ademais, se planifica ampliar o viario creando unha tira de ensanche na marxe esquerda e pavimentarase un sobreancho aproveitando a cesión dunha parcela ao comezo do camiño.

A obra incluirá tamén a demolición e reposición do muro fronte á entrada do pavillón, onde se habilitarán varias prazas de aparcadoiro. Ademais, eliminarase unha cuneta ao descuberto e instalarase un sistema para recoller as augas pluviais.

Ao finalizar, pavimentarase toda a calzada, repararanse as tapas de rexistro afectadas e colocarase a sinalización vertical necesaria.