O salón de actos do Colexio Viñas, en Poio, converteuse este venres no punto de partida dunha nova iniciativa coa que Galicia quere reforzar a inclusión educativa.
Así, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou o programa piloto Impulso Mentor, unha medida dirixida ao alumnado de etnia xitana co obxectivo de previr o absentismo e reducir o abandono escolar temperá.
A iniciativa, integrada na estratexia de inclusión educativa da Xunta e desenvolvida en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano, aposta por un enfoque personalizado.
"Pretende favorecer o éxito educativo destes estudantes abrindo oportunidades de desenvolvemento persoal e académico", sinalou o conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
Impulso Mentor contempla medidas "á carta" para cada estudante, adaptando o apoio ás necesidades reais de cada alumno.
A convocatoria, aberta desde hoxe ata o 13 de marzo, permitirá seleccionar inicialmente ata dez centros, entre colexios e institutos, que conten con alumnado de 5º e 6º de Primaria e da ESO.
Os centros participantes deberán organizar unha actividade de mentoría individualizada, podendo completar o programa con sesións grupais e reforzo das competencias clave.
En concreto, haberá dúas horas semanais de reforzo fóra do horario lectivo, desenvolveranse titorías de seguimento trimestrais co coordinador do programa e o alumnado participará en mentorías individuais e charlas grupais de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia na cultura xitana.
As persoas mentoras serán referentes xitanos ou profesionais que traballan estreitamente con este colectivo, achegando non só apoio académico, senón tamén exemplos de superación e coñecemento das tradicións, valores e patrimonio cultural xitano.
No acto tamén participou Eva Vera, directora territorial da Fundación Secretariado Xitano, e Javier León, graduado en Dereito, quen exercerá como mentor no programa e compartirá a súa experiencia persoal como exemplo para o alumnado.
Ao remate do proxecto, os estudantes recibirán un diploma acreditativo, mentres que o profesorado coordinador obterá un certificado equivalente a 30 horas de formación permanente, recoñecido como actividade de innovación educativa.
Con Impulso Mentor, a Xunta dá un paso máis na súa aposta por "superar as desigualdades educativas e favorecer a equidade", convertendo o acompañamento e a motivación en ferramentas fundamental para construír traxectorias escolares de éxito.