Educación estima que o colexio de Tenorio terá "plena normalidade" nuns dous meses

Cerdedo Cotobade
19 de febreiro 2026

Para poder retomar as clases tras o incendio, habilitouse un servizo provisional de comedor con cátering tanto para este centro como para o Instituto de Cotobade

Regreso ás aulas no CEIP Tenorio tras o incendio no comedor
Regreso ás aulas no CEIP Tenorio tras o incendio no comedor / Concello de Cerdedo-Cotobade

Unha semana despois do incendio que afectou á zona do comedor escolar, e pasadas as vacacións polo Entroido, os alumnos do CEIP Tenorio regresaron este xoves ás aulas.

Durante os últimos días realizáronse obras de urxencia para acondicionar o centro educativo, traballos que aínda continuarán.

Para poder retomar as clases, habilitouse un servizo provisional de comedor con cátering tanto para este centro como para o Instituto de Cotobade.

En canto ao resto das actuacións a realizar "hai un compromiso firme para cumprir os prazos previstos e devolver ao CEIP de Tenorio a plena normalidade nun tempo estimado de dous meses", confirmou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tras participar nun encontro do comité de seguimento.

Este organismo está presidido polo director territorial de Educación, César Pérez Ares, con participación o director do centro, Alberto Portela; representantes da empresa Construciones Ramírez e das distintas firmas de servizos subcontratadas para executar as actuacións de electricidade, fontanaría e demais intervencións necesarias na reconstrución da parte afectada polo incendio.

"Entendemos a preocupación lóxica ante unha situación desta natureza, pero hoxe damos un paso importante coa constitución deste comité de seguimento, que permitirá un control continuo da evolución das obras e unha comunicación fluída con todos os implicados", explicou o rexedor.

Segundo sinalouse no encontro a empresa de limpeza, que xa finalizou cos labores no resto do colexio, acometerá agora a limpeza da cociña e comedor, áreas máis afectadas polo incendio.

Ademais este mesmo xoves estaba prevista a colocación do falso teito do vestíbulo e a semana que vén retirarase a cuberta do almacén no que se orixinou o incendio.

A maiores, os electricistas comezarán de inmediato os traballos para pór de novo en funcionamento a calefacción.