Despois dunha semana de intensos traballos, a comunidade escolar do colexio plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, volverá ás aulas este xoves 19 de febreiro.
Será posible despois de completar os traballos de reparación e limpeza realizados tras o incendio do pasado mércores e que afectou, principalmente, ao almacén anexo a comedor.
Segundo a hipótese inicial da Garda Civil, o lume iniciouse na batería eléctrica dunha máquina cortacéspede gardada no almacén contiguo ao comedor.
Dado que o lume afectou á instalación eléctrica, as labores de reparación comezaron de inmediato para recuperar canto antes a luz no centro.
A maiores, e dado que o fume ensuciou o conxunto do centro, contratouse unha empresa especializada neste tipo de traballo de limpeza, que pode certificar ao seu remate que non existe ningún tipo de risco contaminación.

Como a área de comedor precisará máis reparacións, aínda por determinar, Educación contratou tamén un servizo de catering tanto para o colexio de Tenorio como para o IES de Cotobade (cuxos alumnos comen neste colexio), que comezará a traballar mañá.
Polo tanto, o colexio está preparado para a volta á aulas tras as vacacións de Entroido.
Así o explicou o director territorial da consellería en Pontevedra, César Pérez, que visitou o centro para supervisar o avance dos traballos de recuperación.
A partir de agora, haberá xuntanzas técnicas para valorar os seguintes pasos que haberá que dar para reparar a área de comedor e a cociña do colexio.
