Os colexios de Pontevedra transfórmanse en laboratorios verdes para mellorar a conciencia ecolóxica

Pontevedra
02 de novembro 2025

O Concello, no marco da divulgación do proxecto RedeVerde Pontevedra, visitou os centros educativos para identificar especies vexetais e animais do barrio e afondar na reciclaxe e compostaxe

'Laboratorios verdes' no CEIP Cabanas de Salcedo

Os centros educativos de Pontevedra transformáronse nas dúas últimas semanas en auténticos 'laboratorios verdes' nos que o alumnado puido coñecer a importancia ecolóxica e natural dos seus barrios.

Foi no marco da divulgación do proxecto RedeVerde Pontevedra que impulsa o Concello.

Así, este proxecto visitou os centros de ensino da cidade para identificar especies vexetais e animais do barrio, afondar na reciclaxe e compostaxe e concienciar da importancia de coidar os espazos públicos e naturais do concello.

Participaron nesta iniciativa o CEIP Álvarez Limeses, o CEIP Manuel Vidal Portela, o IES Luís Seoane, o CEIP Froebel, o CEIP San Martiño, o CEIP Parada-Campañó, o CEIP Vilaverde-Mourente, o CEIP Marcos da Portela e o CEIP de Cabanas.

Estes 'laboratorios verdes' permitiron ao alumnado explorar a biodiversidade local, identificando especies vexetais e animais presentes nos seus barrios e arredores e tamén participar en talleres de sostibilidade, aprendendo sobre reciclaxe, compostaxe e uso responsable dos recursos.

Puideron tamén descubrir a importancia dos espazos verdes urbanos, fomentando a creatividade e a conciencia ambiental desde idades temperás, e fomentar o traballo en equipo e a colaboración, achegando a ciencia e a natureza á vida cotiá da cidade.

O plan de sensibilización ambiental de RedeVerde Pontevedra ten como obxectivo achegar á cidadanía, especialmente aos máis novos, aos beneficios de integrar a natureza na cidade e promover hábitos respectuosos co medio ambiente.

O proxecto RedeVerde Pontevedra conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

'Laboratorios verdes' no CEIP VilaverdeConcello de Pontevedra


 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora