Combarro e Pontevedra acollen a campaña itinerante da Xunta para fomentar o turismo seguro

Pontevedra
16 de agosto 2020

Este domingo a caravana instalábase na Praza da Chousa no municipio de Poio e durante o martes e o mércores vai situarse na Alameda de Pontevedra. Desde este espazo infórmase tanto a turistas como á poboación local dos recursos paisaxísticos da comunidade e a seguridade que ofrece para pasar xornadas de descanso

Campaña itinerante de Turismo Seguro da Xunta de Galicia en Combarro Xunta de Galicia

A Praza da Chousa, en Combarro (Poio) acolle este domingo a campaña itinerante de concienciación cidadá para promover un turismo seguro, que emprende a Xunta de Galicia. Esta caravana desprazarase o martes e o mércores á Alameda de Pontevedra.

No interior deste espazo ofrécese información tanto a turistas como á poboación de lugar sobre os posibles destinos dentro de Galicia para descansar durante uns días con todas as garantías de seguridade.

Esta unidade móbil funciona a modo de oficina de turismo e profesionais de información turística explican os recursos cos que conta a comunidade como o Camiño de Santiago, paisaxes, posibilidades enogastronómicas ou valores do patrimonio cultural.

Esta iniciativa percorrerá nas próximas xornadas outros municipios da provincia de Pontevedra como, entre outros, Sanxenxo, O Grove, Cambados ou Vilagarcía de Arousa. A campaña encádrase dentro do Plan de Reactivación do sector turístico aprobado no mes de abril coa intención de  provomer Galicia como un espazo seguro, fomentando o consumo e xerando actividade que axude ao tecido empresarial.