Combarro volverá á época medieval os días 8 e 9 de maio co Día de Colón

Poio
19 de xaneiro 2026
Actualizado: 17:12

Durante dous días, historia e tradición encherán as rúas do pobo para ofrecer aos visitantes a oportunidade de viaxar no tempo

Día de Colón
Día de Colón / Concello de Poio

Combarro prepárase para converterse nun auténtico escenario medieval durante a duodécima edición do Día de Colón, que se celebrará o venres 8 e sábado 9 de maio.

Durante dous días, historia e tradición encherán as rúas do pobo para ofrecer aos visitantes a oportunidade de viaxar no tempo.

A cita, organizada polas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas en colaboración co Concello de Poio, aspira a repetir o éxito das edicións anteriores e ofrecer unha programación variada e pensada para toda a familia.

Entre as actividades destacan o mercado artesanal, animación nas rúas, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco, esgrima antiga, xustas medievais e xogos tradicionais, creando un ambiente que combina cultura, diversión e dinamización local.

Os artesáns interesados en participar no mercado xa poden enviar as súas propostas ao correo electrónico [email protected].

Do mesmo xeito, nas próximas semanas abrirase o prazo para que as persoas que queiran organizar comidas nas rúas reserven o seu espazo.

O evento non só homenaxea a Cristóbal Colón e defende a súa procedencia galega, senón que tamén busca implicar activamente á veciñanza e aos comercios locais, que contribúen coa decoración das súas casas e negocios para recrear un Combarro plenamente medieval.

O Día de Colón consolídase así como unha fin de semana única, na que visitantes e residentes poden gozar dunha experiencia cultural e lúdica que mestura historia, tradición e animación nas rúas.