Máis dun centenar de vítimas de violencia machista pediron axuda no CIM de Poio en 2025

Poio
16 de xaneiro 2026
Actualizado: 17:21

O Centro de Información á Muller de Poio atendeu 249 consultas o ano pasado, un 18% máis. o ano anterior. É un servizo de referencia en materia de igualdade, asesoramento e apoio ás mulleres

Raquel Morales, directora do CIM de Poio
Raquel Morales, directora do CIM de Poio / Concello de Poio

O Centro de Información á Muller de Poio atendeu durante o ano 2025 un total de 106 consultas de vítimas de violencia machista.

A cifra supón un incremento dun 27% das consultas con respecto ao ano anterior e confirma que as vítimas de violencia de xénero son unhas das principais usuarias deste servizo. 

Desde o CIM prestan a estas mulleres unha atención integral que inclúe apoio psicolóxico especializado e asesoramento xurídico e xudicial, ademais de tramitarlle xestións que sirvan para cubrir necesidades básicas.

De ser o caso, tamén se lles deriva ás traballadoras de Servizos Sociais ou ao departamento de Orientación Laboral, en función das súas necesidades.

Este centro situado no Pazo Besada atendeu un total de 249 consultas durante 2025, un 18% máis que o ano anterior.

Desde o Concello destacan que esta cifra reflicte tanto a crecente confianza das usuarias neste recurso municipal como a importancia do CIM como servizo de referencia en materia de igualdade, asesoramento e apoio ás mulleres. 

Segundo a memoria anual, entre as consultas máis demandadas por parte das usuarias destacan aquelas relacionadas cos procesos de familia, como por exemplo as terapias de parella ou familiares, intervención en situacións de crise, separacións e divorcios, réximes de custodia, reclamacións de pensións e alimentos.

Tamén son frecuentes as consultas relativas a información e tramitación dos recursos existentes: procura de casa de acollida, vivenda, asesoramento en recursos e solicitude de diferentes prestacións, recursos e apoio social.

O Concello de Poio convocará nas vindeiras semanas a Mesa Local de Violencia, un órgano de coordinación no que participan membros do goberno local, profesionais do CIM e dos Servizos Sociais, así como representantes da Policía Local e Garda Civil.

O obxectivo será o de avaliar os datos, mellorar a coordinación e reforzar as actuacións de prevención e atención ás vítimas.