O CIM de Poio recibe 16.500 euros da Xunta para a mellora do equipamento

Poio
22 de febreiro 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este xoves o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, onde tivo a oportunidade de conversar coas traballadoras do centro

O delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, visitou o CIM de Poio
O delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, visitou o CIM de Poio / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este xoves o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, onde tivo a oportunidade de conversar coas traballadoras do centro e de descubrir onde foron investidos os 16.500 euros destinados pola Xunta para a adquisición de novo mobiliario e de equipamento informático.

Xunto ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, o delegado coñeceu algunhas das iniciativas que se están a levar a cabo neste centro que leva aberto de forma ininterrompida dende o ano 2004.

Agustín Reguera destacou que esta axuda para a rehabilitación e mellora do equipamento dos CIM conta cun orzamento para toda Galicia que supera os 760.000 euros. Na provincia de Pontevedra investíronse preto de 242.000 euros para estes fins. 

O delegado territorial destacou o importante labor que se leva a cabo en todos os CIM de Galicia "e moi especialmente no de Poio, onde teño constancia que tanto a directora e avogada como a psicóloga atenden a un gran número de mulleres que atopan nestas oficinas o apoio e a axuda que precisan".

Reguera rematou a visita felicitando ás traballadoras do concello e lembrando que "máis alá das axudas que a Xunta ofrece para este tipo de centros, é importante que os traballadores e o persoal dos concellos as solicite de forma correcta. Solo así conseguiremos que os investimentos sirvan para mellorar a experiencia das usuarias deste servizo, que é para o que realmente foron ideados".