Do 28 ao 31 de agosto Combarro celebra a Festa do Mar con gastronomía, tradición, cultura e música

Poio
21 de agosto 2025
Actualizado: 13:44

A programación da Festa do Mar inclúe propostas destinadas para todas as idades e todos os públicos ao redor da gastronomía, a tradición, a cultura e a música

Presentación da Festa do Mar na nova rotonda de Combarro
Presentación da Festa do Mar na nova rotonda de Combarro / PontevedraViva

A nova rotonda de Combarro, co seu hórreo e a súa dorna, foi o lugar escollido polo Concello de Poio para presentar este xoves a programación completa dunha nova edición da Festa do Mar que se celebra nesta localidade do 28 ao 31 de agosto. 

O mar e as súas xentes son os protagonistas absolutos desta festa que, segundo destacou o alcalde Ángel Moldes, inclúe propostas destinadas para todas as idades e todos os públicos ao redor da gastronomía, a tradición, a cultura e a música.

O alcalde estivo acompañado nesta presentación polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dos edís de Festexos e de Cultura, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, respectivamente, así como de representantes da maioría das entidades locais que colaboran, xa que faltaban as relacionadas co sector bateeiro ao ser hoxe día de traballo despois de pasar algunhas xornadas sen poder facelo pola marea vermella.

Moldes puxo en valor a participación das entidades e a confianza nas empresas locais. 

A programación estrutúrase en catro bloques: O gastronómico, coa degustación de produtos do mar nas foodtrucks Galicia sabe A Mar, da Consellería do Mar para que logo "as persoas que decidan quedarse a comer poderán facelo nalgún dos locais de hostalería que hai nesta parroquia".

O segundo centrarase na carpa museo, con varias exposicións sobre a cultura mariñeira.

O terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa.

E o último ingrediente da festa do mar é a música. O certame da Canción Mariñeira celebrarase o venres e o domingo pola tarde, coas actuacións de Adelaida, Os Chispas do Lérez, Vento Mareiro, Pontis Veteris, As Abelairas e Son das Corbaceiras.

E destacan os concertos da banda madrileña Miss Caffeina, que terá lugar o venres 29 de agosto, ás 23:30 horas, na Praza da Chousa, e no mesmo escenario serán as actuacións de Natalia (22:45 horas) e de Coti (0:30 horas), o sábado 30 de agosto. Todos con entrada de balde. 

Pola súa parte, Valentín García recordou que Combarro é lugar de referencia do turismo galego, "a combinación perfecta entre a apertura ao mar e a arquitectura popular e tradicional galega que máis nos marca como pobo" e destacou que a Xunta de Galicia colabora coa programación a través de diferentes consellerías, tanto con propostas culturais como gastronómicas. 

Presentación da Festa do Mar na nova rotonda de Combarro
Presentación da Festa do Mar na nova rotonda de CombarroPontevedraViva