Combarro celebrou, un ano máis, a festa coa que conmemoran ao seu veciño máis ilustre, Cristóbal Colón. Porque se de algo están convencidos no municipio é da orixe galega do conquistador, ao que diversas teorías sitúan como natural de Poio.
Así, a oitava edición do Día de Colón volveu a ser un dos festexos máis animados do calendario estival en Poio. A Praza da Chousa foi o epicentro dunha ampla programación de actividades para todos os públicos que, por un día, devolveron a Combarro á Idade Media.
Centos de persoas, moitas delas vestidas como auténticos personaxes medievais, gozaron da asollada e calorosa xornada baixo a que se celebrou o Día de Colón.
Ademais do mercado artesanal, que encheu a praza de colorido, desde as once da mañá sucedéronse as actividades.
Ao longo da xornada houbo, entre outras, exhibicións de tiro con arco, talleres infantís, música na rúa, bailes medievais ou representacións teatrais.
A festa concluíu cun dos seus pratos fortes, a xusta medieval, que volveu a facer as delicias de maiores e pequenos.