Combarro viaxa ao seu pasado medieval para celebrar a xesta do seu veciño Colón

Poio
11 de maio 2024

O Día de Colón volve a ser un dos festexos máis animados do calendario estival en Poio. A Praza da Chousa é o epicentro dunha ampla programación de actividades para todos os públicos que, por un día, devolven a Combarro á Idade Media

Día de Colón
Día de Colón / Cristina Saiz

Combarro celebra este sábado a festa coa que conmemoran ao seu veciño máis ilustre, Cristóbal Colón. Porque se de algo están convencidos no municipio é da orixe galega do conquistador, ao que diversas teorías sitúan como natural de Poio como destacou un dos seus defensores, o pregoeiro Ramón Pedras 'Petete'..

Así, esta décima edición do Día de Colón volveu a ser un dos festexos máis animados do calendario estival en Poio. A Praza da Chousa está a ser o epicentro dunha ampla programación de actividades para todos os públicos que, por un día, devolven a Combarro á Idade Media.

Centos de persoas, moitas delas vestidas como auténticos personaxes medievais, están a gozar da asollada e calorosa xornada baixo a que se celebra o Día de Colón.

Tan fotografada foi a chegada o venres da nao Santa María, con Cristóbal Colón e a súa tripulación á Praza da Chousa como o foron durante todo o sábado a forca e os aparellos de tortura da Inquisición.

Ademais do mercado artesanal, que encheu a praza de colorido, desde as once da mañá sucedéronse as actividades organizadas polo Concello, en colaboración coas asociacións Combrus, Vides Novas e Leucoíña.

Ao longo da xornada hai, entre outras, exhibicións de tiro con arco, talleres infantís, música na rúa, bailes medievais ou representacións teatrais.

A festa inclúe unha xusta medieval, para facer as delicias de maiores e pequenos.