Poio recibe a máis de 13.000 persoas grazas aos eventos celebrados esta fin de semana

Poio
12 de maio 2024

O Día de Colón, a fase de ascenso de balonmán, o Maratón de Fátima e a Concentración de Escolas de Rugby de toda Galicia atraeron milleiros de visitantes estes días

Celebración do torneo medieval durante o Día de Colón
Celebración do torneo medieval durante o Día de Colón / Concello de Poio

Os eventos organizados en Poio esta fin de semana atraeron a máis de 13.000 persoas ata o concello. 

Entre o venres e o domingo, veciñanza e visitantes puideron gozar de eventos lúdicos e deportivos, como a décima edición do Día de Colón en Combarro, a fase de ascenso de Balonmán a 1ª Nacional, o Maratón de Fátima ou a Concentración de Escolas de Rugby de toda Galicia.

O alcalde, Ángel Moldes, manifestou que "unha fin de semana máis, e fóra da tempada de verán, conseguimos atraer ata o noso concello a milleiros de persoas para participar nalgunha das actividades que se organizaron. Maiores, nenos, mozos, familias enteiras... achegáronse ata Combarro, San Xoán ou Campelo para disfrutar dunha programación que está conseguindo dinamizar a actividade do noso concello. O lecer, a cultura, o deporte son unha oportunidade para promocionar o noso concello pero, sobre todo, tamén son crecemento económico. Esta fin de semana as rúas estaban cheas de persoas que consumen no noso municipio, que enchen restaurantes, cafeterías, comercios e hoteis que, nalgúns casos, colgaron o cartel de completos".

Deste xeito, sinala están traballando para ofrecer "unha oferta de actividades ampla e variada, para todos os gustos e todas as idades e que, esta fin de semana, volveu situar a Poio como referente".

"Proxectamos unha imaxe de Poio única, converténdoo nun concello atractivo e dinámico, ofrecendo eventos de calidade fóra da tempada estival, algo fundamental para o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio", engade o alcalde.

Nesta liña, asegura que todas as actividades foron un éxito de participación pero tamén de organización. "Os meus parabéns a todas as persoas que fixeron posible cada un destes eventos, desde colaboradores, colectivos, entidades organizadoras, Policía Local, Protección Civil, Garda Civil... Poio foi un concello dinámico, atractivo pero tamén seguro, sen ningún incidente", engadiu.