A clientela do comercio de Pontevedra terá durante mes e medio media hora de balde nos aparcamentos da praza de España e a Alameda.
Este servizo é resultado dun acordo entre a empresa Telpark, responsable destes dous aparcamentos, e os comerciantes da cidade.
Asinaron o acordo o centro comercial urbano Zona Monumental, a asociación de empresarios de Pontevedra AEMPE, asociación de empresarios das galerías da Oliva e a asociación de emprendemento e innovación Pont Up Store.
O acordo deuno a coñecer este sábado a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que sinalou que o Concello respalda esta xestión entre os comerciantes e a compañía de estacionamento.
Un total de 5.000 clientes poderán beneficiarse do acordo entre o 15 de maio e o 30 de xuño. É o número de tickets que Telpark facilitou aos comerciantes.
Estes tickets de desconto permitirán aparcar sen limitación de franxas horarias e sen restrición de días. Só será necesario trocar o desconto no momento de abonar o aparcamento.
O obxectivo desta colaboración é "fomentar a economía e o comercio local facilitando o aparcamento de residentes e visitantes nas zonas máis céntricas".
Ademais, mediante esta medida, buscan "reducir a contaminación producida ao buscar aparcamento", á vez que se facilita unha alternativa de mobilidade flexible ás persoas que se trasladan ao centro urbano para as súas compras.
Os aparcamentos da Praza de España e a Alameda suman máis de 600 prazas.