Comeza a fase das expropiacións para a segunda fase da mellora da estrada na Lama entre Antas e Seixido

A Lama
18 de xuño 2019

Esta actuación dispón dun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros, aos que se engaden máis de 40.000 euros para o pagamento das 109 fincas necesarias para dar continuidade ao tramo de máis de 2 quilómetros rematado en outubro do 2018

Jorge Canda visita as obras da PO-235 Concello da Lama

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a declaración de utilidade pública da segunda fase das obras de mellora da estrada autonómica PO-235 ao seu paso polo  Concello da Lama, entre os núcleos de poboación de Antas e Seixido.

A intervención conta cun orzamento autonómico que supera os 1,5 millóns de euros. A esta cifra hai que sumar máis de 40.000 euros para o pago das 109 leiras necesarias para executar este traballo.

Coa publicación no DOG, a Xunta dá por iniciado o período para acometer as expropiacións para executar estes traballos. Está previsto que a Consellería de  Infraestruturas e Mobilidade inicie a contratación no verán para que o levantamento de actas previas leve a cabo antes de finais de 2019.

Lestes traballos supoñerán a intervención en dous subtramos da vía autonómica, que suman máis de 5 quilómetros, coa ampliación da plataforma da estrada a 6,5 metros, 1,5 máis que na actualidade. Rectificaranse as curvas para mellorar a seguridade viaria.

Nas dúas fases de mellora desta estrada, a Xunta investirá máis de 2,1 millóns de euros.