Comeza a folga indefinida nas tendas de Bershka da provincia

Pontevedra
26 de outubro 2017

As traballadoras reclaman unha equiparación salarial co persoal das tendas doutras provincias e con outros establecementos do grupo Inditex. Un colectivo de traballadoras concentrábanse este xoves ás portas do local en Pontevedra situado en Benito Corbal

Protesta das traballadoras de Bershka / PontevedraViva
Traballadoras de Bershka piden o mesmo salario que as das tendas da Coruña /

As traballadoras de Bershka concéntranse ante as portas da tenda mentres o establecemento permanece pechado. As once empregadas fixas da tenda desta empresa do grupo Inditex en Pontevedra do mesmo xeito que as traballadoras da tenda de Vilagarcía de Arousa e as tres de Vigo iniciaron unha folga indefinida para reclamar as mesmas condicións que as establecidas para as tendas da provincia da Coruña

A representante sindical de CIG, Diana Rodríguez, sinala que as negociacións coa dirección da empresa rompéronse tras dous meses de xuntanzas porque se pecha en banda a mellorar as condicións do persoal na provincia.

Unha das traballadoras afectadas, Ida Santín, afirma que cobran 130 euros menos que as súas compañeiras coruñesas.  "No puede haber estas diferencias entre provincias", protesta, "queremos el mismo sueldo que en A Coruña". O 90% do persoal atópase contratado a tempo parcial e é obrigado a realizar horas complementarias en lugar de aumentar a xornada laboral. Denuncian, ademais, que cos horarios que teñen non poden conciliar as súas vidas coas das súas familias e tampouco poden gozar de 15 días de vacacións durante os meses de xullo e agosto.

"Queremos el mismo sueldo que en A Coruña"

Diana Rodríguez sinalaba que na provincia 65 mulleres traballan para Bershka e atópanse en situacións precarias. Por ese motivo reclaman excendencias para o coidado dos fillos e a libranza dun sábado ao mes. "Son peticións mesuradas", apuntou. Indica que a empresa non quere igualar as condicións co resto de tendas do grupo debido a un proceso de reestruturación que levaron a cabo na provincia co peche de dous establecementos en Vigo e coa apertura dunha bolsa para baixas incentivadas.

No Bershka de Pontevedra hai dúas empregadas con contrato temporal e a empresa ameazara, segundo a CIG, con utilizar a estas e a outras traballadoras eventuais para abrir as tendas durante estas xornadas de folga. Por iso, establecerán gardas para tentar evitar a actividade na céntrica tenda de roupa situada en Benito Corbal.