Comeza a limpeza dos dous espazos arqueolóxicos de Pontevedra

Pontevedra
20 de agosto 2019

Durante a mañá deste martes comezaron os traballos de limpeza nos conxuntos da praza de Valentín García Escudeiro e do Campiño de Santa María baixo a supervisión do técnico municipal de patrimonio cultural

Praza de Valentín García Escudero Mónica Patxot

Durante a mañá deste martes deron comezo os traballos de limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade, os conxuntos da praza de Valentín García Escudeiro e do Campiño de Santa María.

No caso da Praza está a procederse á limpeza do xacemento incluíndo a Ponte do Burgo, un tramo de muralla e o dique portuario, así como a retirada de lixo acumulado nese espazo.

Unha vez limpada esa zona, procederase á actuación no Campiño onde se limparán os restos medievais da muralla e da casa torre dos Montenegro.

Estes traballos, ao afectar as estruturas arqueolóxicas e ao contorno máis inmediato, realizaranse baixo a supervisión e indicacións do técnico municipal de patrimonio cultural para non provocar ningunha alteración nos muros de ambos os conxuntos.

O Concello prevé que a duración desta actuación será de semana e media, polo que estará terminada a final de mes.