Comeza a sétima edición de "Depoemprende na escola" con 15 cooperativas

Pontevedra
13 de decembro 2022

Preto de 300 nenos de dez centros educativos da provincia presentaron o Salón de Plenos da Deputación as iniciativas que desenvolven este curso

Participantes na sétima edición do programa "Depoemprende na escola" Deputación de Pontevedra

Preto de 300 nenos de dez centros de Educación Primaria e Especial da provincia que participan na sétima edición do programa "Depoemprende na escola" presentaron no Pazo provincial as cooperativas nas que traballarán ao longo deste curso para desenvolver os seus proxectos colaborativos e fomentar así o emprendemento. 

Os centros participantes desenvolverán diferentes tipos de proxectos baseados na ecoloxía, a cultura, a natureza ou a reciclaxe. Ademais, parte das ganancias que consigan as cooperativas coa venda dos seus produtos irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, como protectoras de animais ou de servizos sociais.

En concreto, participan o Centros de Educación Especial de Pontevedra, de Vilagarcía de Arousa, Aceesca do Porriño e o Saladino Cortizo de Vigo, e os Colexios de Educiación Infantil e Primaria Xunqueira I de Pontevedra, Plurilingüe de Tebra de Tomiño, Plurilingüe Nº1 de Tui e Plurilingüe de Carballedo en Cerdedo-Cotobade, o Centro Público Integrado Julia Becerra Malvar de Ribadumia e o CPR Estudio de Nigrán.

Este martes recolleron os NIF, un paso que chega despois do desenvolvemento das cooperativas en cada centro educativo no que, tras constituírse as mesmas, o alumnado levou a cabo un proceso que consistiu na creación da imaxe corporativa e o logotipo, na realización dun estudo de mercado e o prototipo do produto. Agora, os seguintes pasos consisten na procura de financiamento, a produción e fabricación do produto, prezo, etiquetado, preparación da venda para o mercado final que celebrará a Deputación e, xa para pechar o proxecto, o balance dos resultados.