Comeza a tramitación para renovar máis do 40% do alumeado público de Poio

Poio
15 de decembro 2021

A Xunta de Goberno aprobou o expediente da redacción do proxecto técnico para a mellora da eficiencia enerxética neste servizo, que contempla a substitución de preto de 2.700 luminarias por puntos led

Avenida da Barca
Avenida da Barca / Concello de Poio

A Xunta de Goberno vén de aprobar o expediente para a redacción do proxecto técnico de renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público de Poio.

A dotación de novas luminarias 'led' levarase a cabo grazas a unha achega de fondos europeos, acadados pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). 

En concreto, esta axuda ascende a preto de 800.000 euros, que servirán para custear o 80% do orzamento, cuxa contía total rolda o millón de euros aproximadamente.

O concelleiro responsable deste departamento, o socialista Gregorio Agís, explica que a redacción do proxecto contará cun orzamento que ascende a 35.000 euros, IVE engadido. Unha vez superado este trámite, abrirase o prazo para a presentación de ofertas. 

Agís confía en que a adxudicación definitiva dos traballos sexa unha realidade ao longo de 2022. A actuación deberá estar finalizada a finais de setembro de 2023, para dar cumprimento aos prazos establecidos. 

A memoria técnica do proxecto, que conta con aprobación plenaria desde principios de ano, cifra en 2.695 os puntos de luz que se renovarán a medio prazo.

"Ao pasar a dispoñer de luminarias led, o consumo enerxético descenderá de xeito notable. Calculamos que o aforro acadado rondará os 70.000 euros anuais", explica o titular de Promoción Económica e Urbanismo. Poio dispón de 6.353 puntos de luz, polo que esta actuación servirá para renovar máis do 40% do sistema. 

Este proxecto segue a liña marcada pola administración local á hora de consolidar un consumo enerxético responsable, máis eficaz e económico, seguindo as directrices da Axenda 2030.

"Nos últimos anos xa substituímos máis de 1.000 luminarias", lembra o concelleiro do PSdeG-PSOE, que pon como exemplo as tarefas realizadas en 2021 grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra, que permitiu a dotación de medio millar de novos puntos 'led' en diferentes núcleos do municipio. 

"Temos o compromiso de continuar avanzando na posta en marcha de accións de defensa do medio ambiente, tal e como determina a Axenda 2030, ao mesmo tempo que se reducen os custes sen que o servizo se resinta", conclúe Gregorio Agís.