A Xunta de Galicia e o Concello de Poio iniciaron a construción dun tanque de tormentas na Seca.
Trátase dunha infraestrutura clave para optimizar a rede de saneamento do municipio e mellorar a calidade das augas da ría.
Este proxecto forma parte do convenio entre ambas as administracións, cun investimento de 4 millóns de euros que inclúe tamén a renovación das estacións de bombeo de augas residuais do porto de Campelo e Miradoiro, así como a completa adecuación do bombeo de Froiz.
O alcalde, Ángel Moldes, subliña que se trata do inicio "dunha das obras máis importantes" para garantir o futuro do concello, ao supor "un paso claro para mellorar o saneamento da ría e modernizar unha infraestrutura básica como a rede de saneamento municipal".
Sinala que non é unha obra especialmente visible, pero si "unha absoluta necesidade" e, por tanto, unha prioridade para o goberno local.
Moldes agradece a implicación da Xunta de Galicia e lembra que mellorar a calidade da auga da ría "é apoiar directamente o futuro e a continuidade dun dos sectores económicos máis importantes de Poio, como é o sector do mar".
O tanque de tormentas, que quedará soterrado na Seca, permitirá almacenar as primeiras augas de choiva, as máis cargadas de sucidade arrastrada por rúas e asfaltos, evitando que cheguen directamente ao mar.
Con este sistema e o resto de actuacións previstas, Poio incrementará a capacidade de recollida e tratamento de augas, contribuíndo á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento sostible.
O prazo de execución das obras é de 18 meses.