Comeza este venres unha obra que "revitalizará" o centro de Moraña

Umia
09 de setembro 2022

Este proxecto creará na Rúa 6 unha zona de plataforma única no tramo anexo ao Multiusos e ancheará a beirarrúa ata os 2,6 metros no tramo en dirección ao núcleo de Mos. Tamén se renovará todo pavimento da calzada e o alumeado

Rúa 6, en Moraña
Rúa 6, en Moraña /

O Concello de Moraña comezará este venres coa obra de humanización da Rúa 6, no tramo que une o casco urbano co núcleo rural de Mos, paralelo ao edificio do Multiusos.

Esta obra, que está financiada cos fondo do Programa ReacPon da Deputación de Pontevera, foi adxudicada á empresa Marconsa por un importe de 169.438 euros.

O obxectivo do proxecto de humanización que se pretende levar a cabo é o de "recuperar o espazo urbano para o peón", explica o alcalde morañés, José Cela, que indica que se conseguirá grazas á creación "dunha plataforma única que mellore todo este tramo, que é o que menos tráfico soporta na rúa en total e que linda co noso Multiusos". 

Ademais, engadiu Cela, nesta zona é na que se celebra a feira comercial dúas veces ao mes, polo que é un punto estratéxico no que mellorar a mobilidade urbana.

Segundo se extrae do proxecto, no tramo que conecta co núcleo de Mos crearase unha senda de 2,6 metros de ancho, que coexistirá coa calzada de dous carrís, á que se lle renovará totalmente o pavimento.

Con toda esta reestruturación, conseguirase crear un espazo peonil xunto ao Multiusos, eliminar barreiras arquitectónicas e embellecer este tramo de rúa, así como mellorar a mobilidade no tramo que chega ata Mos. Ademais, renovarase todo o alumeado público.

Cela asegura que con este proxecto "revitalizarase o centro de Santa Lucía", continuando coa mellora urbana que o consistorio está executando en Moraña.