O Concello de Poio iniciou esta semana os traballos para levar a cabo o traslado do parque infantil situado no Paseo das Redeiras, en Combarro, a un espazo máis próximo ao núcleo da parroquia.
A edil de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, supervisou as tarefas e lembrou que o Goberno local fará uso desta parcela para a dotación de máis de 20 prazas para estacionamento, que serán de xestión municipal. Neste sentido, a concelleira do Goberno local explicou que a Administración local está pendente da autorización de Portos de Galicia.
"O Pleno aprobou unha concesión para o cambio de titularidade desta zona e estamos á espera de que a Xunta aprobe a proposta", recordou Caldas Moreira.
Á espera de que chegue o permiso, os operarios procederon á retirada dos xogos e aparellos situados nesta área de lecer. Marga Caldas explica que se aproveitará a actuación para revisar e reparar todos os elementos que así o precisen.
O Concello investirá preto de 50.000 euros na posta a punto do parque infantil no seu novo emprazamento, así como no acondicionamento do terreo para as futuras prazas de estacionamento.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.