Comezan as obras da cuberta do consistorio de Poio

Poio
26 de xaneiro 2021

Os traballos, que contarán cun prazo de execución de seis meses, contan cun orzamento que supera os 238.700 euros. A obra inclúe a dotación dun sistema de illamento que garante unha importante redución do consumo enerxético, así como a dotación de novas oficinas e almacéns no baixocuberta

Obras na cuberta do consistorio de Poio
Obras na cuberta do consistorio de Poio / Concello de Poio

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, pasou este martes revista ao inicio das obras para a remodelación integral da Casa Consistorial de Poio. Trátase dunha ambiciosa actuación que ten coma obxectivo a mellora da eficiencia enerxética nestas instalacións, que pasarán a contar cun novo sistema de illamento para eliminar filtracións de aire e humidade, redundando, ademais, nun notable aforro de subministro eléctrico.

Ao longo destes días os operarios están procedendo a montar os andamios que rodearán o consistorio. Posteriormente, a empresa adxudicataria, Construcciones Orega Sociedad Limitada, iniciarán os traballos, que inclúen o desmonte da cubrición actual, formada por tella cerámica sobre placas de biocemento.

Procederase a habilitar unha superficie con este material, ao que lle hai que engadir o illamento térmico que garantirá unha maior eficiencia enerxética.

O orzamento deste proxecto ascende a un total de 238.704 euros, IVE engadido, e está financiado a través de fondos europeos do FEDER, conseguidos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que foron tramitados polo departamento de Promoción Económica.

Gregorio Agís lembrou que esta obra inclúe beneficios que van máis alá do aforro enerxético, xa que a actuación tamén permitirá lograr un maior aproveitamento das dependencias municipais.

Isto será posible grazas a que a planta superior pasará a contar con varias oficinas, así como almacéns, unha superficie útil que supera os 100 metros cadrados. A maiores, instalaranse luminarias led, que tamén garanten unha importante redución no consumo enerxético.

O concelleiro do PSdeG-PSOE sinalou, ademais, que estas obras non afectarán á actividade diaria no Concello, que poderá seguir prestando servizo á veciñanza como ata o de agora.

O proxecto conta cos pertinentes permisos e autorizacións, entre as que se atopa a da Dirección Xeral de Patrimonio. 

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica lembra que esta actuación sigue a estela das xa levadas a cabo no ximnasio municipal e no pavillón da Seca, onde tamén se está a mellorar a eficiencia enerxética, a través da mellora da cuberta, no caso do pavillón, e da fachada exterior do ximnasio. Estes proxectos tamén se financian a través dos fondos europeos do IDAE.