Comezan as obras de mellora en sete parroquias do rural pontevedrés

Pontevedra
05 de xuño 2022

Segundo o goberno local, as obras iniciáronse en Campañó e Mourente, con actuacións no lugar do Pazo, que inclúen canalizacións de pluviais e a reparación de diferentes puntos, ademais das conexións das acometidas de auga ás vivendas, que estaban pendentes. Nas vindeiras semanas continuarán os traballos noutros puntos do rural do municipio

Zona de obras en Mourente acometidas polo Concello
Zona de obras en Mourente acometidas polo Concello / Concello de Pontevedra

A execución do contrato de tres millóns de euros destinado a realizar obras en sete parroquias de Pontevedra iniciábase esta semana con traballos en Mourente. Durante os últimos días, os operarios interviñan no lugar do Pazo, acometendo a canalización de pluviais e a reparación de distintos puntos. 

As obras tamén permitiron conectar as acometidas de auga ás vivendas que aínda estaban pendentes. En Campañó tamén se están realizando traballos coa execución dos muros de contención con reforzo destes elementos, ademais de ampliar a calzada no lugar de Sabarís.

O concelleiro coordinador do rural, Alberto Oubiña, explica que nas próximas semanas continuaranse executando traballos similares no resto de parroquias. Trátase dunha actuación que aumenta a cifra de investimentos no rural. Segundo o concelleiro, neste mandato a cantidade destinada ao rural superará os 100 millóns de euros. "Desde o Concello cremos que estas obras son necesarias para incrementar a calidade de vida da veciñanza que reside no rural", afirma Oubiña.

As obras están previstas en Ponte Sampaio, A Canicouva, Lérez, Lourizán, Mourente, Marcón e Campañó.