Medio millón de euros para mellorar as parroquias do rural no comezo de 2023

Pontevedra
09 de xaneiro 2023

 Na parroquia de Salcedo farase un investimento de 58.377 euros. En Mourente, serán 26.019. A Lourizán van destinar 49.132 . En Marcón o investimento será de 73.900. En Campañó farase un investimento de 47.450. Para Santa María e Santo André de Xeve irán 47.600. En Lérez a cifra ascende a 162.410 euros

Obras no núcleo de centralidade de Lusquiños
Obras no núcleo de centralidade de Lusquiños / Mónica Patxot

O ano 2023 chega a Pontevedra cun calendario de actuacións en varias parroquias que suporá un investimento de medio millón de euros e, como resultado final, supón "mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural".

Trátase de actuacións aprobadas polo Concello de Pontevedra na recta final do 2022 e que empezarán a ser realidade este 2023. 

O concelleiro coordinador do Rural, Alberto Oubiña, explicou este domingo, a través dun comunicado, que son obras que "mellorarán a calidade de vida da veciñanza". Suporán mellorar accesos e tamén poñer en valor determinados espazos recoñecidos pola veciñanza como espazos de socialización. 

Na parroquia de Salcedo farase un investimento de 58.377 euros para unha actuación de mellora de accesos no Carramal, mellora de camiño interior no lugar de San Brais, mellora da seguridade e da accesibilidade no Xistro e pavimentación de vía na Torre.

En Mourente, serán 26.019 euros para mellora da mobilidade e nos accesos á rúa do Meixoeiro.

En Lourizán van destinar 49.132 euros para unha obra de mellora da rede de pluviais de Sartán ao Rozo e para mellora da mobilidade peonil en Estribela.

En Marcón o investimento será de 73.900 euros. Vaise actuar en Pintos para mellora da sinalización vertical e horizontal en todo o núcleo, así como repavimentado de varios puntos e tramo de mellora da mobilidade peonil e rodada desde Muíño de riba ata EP-0004 .

En Campañó farase un investimento de 47.450 euros para  mellora de accesos ao Riveiro e Casal de Rei.

Para Santa María e Santo André de Xeve irán 47.600 euros para mellora das vías de conexión entre Maúnzo e Os Fontáns.

En Lérez a cifra ascende a 162.410 euros para  mellora de accesos a Casal Novo, mellora acceso ao lugar de Couso, o calmado de tráfico no lugar do Castelo e pavimentación na Bouza (Couso).

Ademais, haberá outras actuacións menores por valor de 46.217 euros para calmados de tráfico en Moldes, na Ferreira ou na Canicouva.

O Concello lembra que estas actuacións súmanse ás que xa están sendo executadas dentro do contrato de actuación en múltiples parroquias. Neste mandato foron investidos máis de 100 millóns de euros no rural de Pontevedra e agarda poder seguir neste camiño ao longo do 2023. "Queremos continuar sumando investimentos, actuacións e melloras nestas parroquias", adiantou Oubiña. 

Actualmente hai en marcha unha actuación de 512.000 euros no Núcleo de Centralidade de Marcón e tamén a creación do viario perimetral de Montecelo por 1.200.000 euros. 

Así mesmo, continúan as obras nos lugares da Peralba, eixo Casas Novas-Carabelos, Rial-Meán, Rorís-Liñares, Carballiños a Sabarís (Chamiceira) e o 16 de xaneiro comezarán os traballos no acceso a Cacheiro desde a PO-546 (As Laceiras) e no Ramallás. Estas obras suman máis de 3 millóns de euros.