Comezan as obras na Avenida de Marín, que se prolongarán tres meses

Pontevedra
06 de outubro 2014

As obras na Avenida de Marín van realizarse en tres fases. A partir do xoves 9 vai quedar cortado ao tráfico o carril de saída de Pontevedra cara a Marín

Zona na que se actuará na Avenida de Marín PontevedraViva

As obras na Avenida de Marín comezaron este luns 6 de outubro e contarán con tres fases. A primeira será ata o mércores 8 e centrarase na preparación das novas medidas de tráfico cara ao inicio das obras, coa retirada e colocación de nova sinalización, recortes na calzada para habilitar carrís de circulación e pintado de sinalización horizontal.

A segunda fase iniciarase o xoves 9 de outubro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Consistirá no corte ao tráfico do carril de saída de Pontevedra cara a Marín. O carril de entrada será dividido en dous, para permitir a saída, co pintado dunha liña lonxitudinal continua amarela de delimitación de carril, no que se colocarán conos delimitando os sentidos de circulación e se prohibe a circulación de vehículos destinados ao transporte de mercadorías coa tara máxima de 3,5 toneladas.

A terceira fase iniciarase unha vez finalizadas as obras no carril esquerdo, en dirección de saída da cidade. Desta forma abrirase ao tráfico de saída e o de entrada acometerase primeiro nun carril, que seguirá dividido por conos e unha liña amarela, quedando habilitado outro para o tráfico.

A Avenida de Marín acolle como media diaria a presenza de 9.358 vehículos cun tráfico próximo aos 3,5 millóns de vehículos ao ano.

En canto á saída, soporta 6.676 vehículos diarios, cun tráfico que se achega aos 2,5 millóns ao ano, segundo datos que manexa a Policía Local de Pontevedra do mes de outubro do ano 2013.

As obras terán unha duración longa, de aproximadamente tres meses. Por este motivo, a Policía Local aconsella evitar, na medida do posible, a circulación pola avenida. Como alternativa promóvese a utilización da conexión a través da AP-9 con entradas e saída da autoestrada nas zonas este, sur e norte da cidade, a PO-10, coa conexión do Nó de Pino con saída á PO-11 (autovía de Marín). Tamén se pode utilizar a saída cara a Marín da rúa Rosalía de Castro coñecida como estrada vella de Marín.