Comezan as obras para recuperar a zona da Praza de San Amaro

Barro
21 de outubro 2021

Trátase de obras financiadas totalmente pola Deputación de Pontevedra cun orzamento de 220.000 euros. Están destinadas a mellorar a seguridade e a mobilidade peonil na EP-0508 en Curro-San Amaro

Comezo das obras na contorna da Praza de San Amaro, en Barro
Comezo das obras na contorna da Praza de San Amaro, en Barro / Deputación de Pontevedra

A EP-0508 Curro-San Amaro, situada no Concello de Barro e que pasa pola Praza de San Amaro, atópase en obras durante estes días para mellorar a seguridade na circulación e facilitar a mobilidade peonil, dentro das iniciativas que desenvolve a Deputación de Pontevedra, que financia totalmente estes traballos.

As actuacións adxudicáronse por unha cifra de 219.165 euros, que sufraga a institución provincial, que achega o 70% do orzamento a través do convenio asinado co Concello de Barro, que achega o 30% a través do Plan Concellos da propia Deputación.

O prazo de execución é de seis meses e o proxecto contempla a recuperación da zona da Praza de San Amaro, un espazo que conta con valor social e patrimonial ao formar parte do Camiño Portugués a Santiago.

Está prevista a creación dunha área de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual. Sobre esta plataforma terán prioridade os peóns. Utilizaranse pavimentos de pedra e mobiliario urbano moderno para o deseño da nova praza, na que se atopa situada a Capela de San Amaro.

A estrada provincial, ademais, contará cunha nova rede de pluviais e fecais, ademais de iluminación pública con luminarias LED, máis  respectuosas co medio ambiente e que permiten aforro enerxético. Tamén se enterrarán as liñas de electricidade e instalaranse novas sinalizacións horizontais e verticais, ademais de novas árbores que se plantarán na zona.