As Festas do Carme de Marín comezaron oficialmente este venres 10 de xullo coa lectura do pregón na Alameda, un acto compartido pola alcaldesa, María Ramallo, e a directiva do Marín Club de Fútbol.
A intervención do club deportivo estivo centrada no balance dos seus case 80 anos de traxectoria e na celebración do recente ascenso de categoría a Preferente, destacando a importancia de manter sempre o "sentimento de orgullo de ser marinenses".
Miguel Pazos Beixe, presidente do club, foi o encargado, de dar lectura ao pregón inaugural nunha Alameda Rosalía de Castro ateigada de público onde se deron cita diferentes integrantes e persoas achegadas ao equipo de fútbol.
Pola súa banda, a rexedora municipal vinculou este logro deportivo coa identidade local e o inicio dos días principais das festas patronais, que contarán o xoves 16 coa presenza do rei Felipe VI na Escola Naval de Marín.
A primeira xornada do programa incluíu a apertura das atraccións de feira na Praza de España e a inauguración da V Festa do Viño da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo na Alameda.
A animación musical correu a cargo da charanga Jalácticos e a agrupación Son das Tabernas, mentres que o Parque Eguren albergou o Marín Dance Festival coas actuacións de MRJ, Alex G, Jose de Rico, Matrek, Vince Stone e Kike Varela.
Para este sábado 11 de xullo, a programación continúa coa feira do viño en horarios de mañá e tarde. A actividade relixiosa comezou ás 12:00 horas coa misa en honra a San Cristóbal na Igrexa de Santa María do Porto, cantada por Chaneiros, e a posterior bendición de vehículos ante o Concello.
Pola noite, a Alameda acollerá ás 21:30 horas o XXIX Festival Folclórico Internacional de Baile de Airiños de San Xulián, con agrupacións convidadas de Portugal e Murcia.
Os concertos nocturnos estarán a cargo de Lérica no Parque Eguren ás 23:00 horas e do Grupo Arizona na Praza de España ás 00:30 horas.
Este domingo 12 a música tradicional iniciará a xornada cos pasacalles de Picuíña ás 11:00 horas e do Grupo Carballido ás 12:30 horas no recinto da Alameda, onde se manterán os postos da IXP Ribeiras do Morrazo.
A partir das 21:00 horas, a agrupación Cantigas e Agarimos actuará de forma simultánea no Parque Eguren, a Praza 8 de Marzo e a Alameda.
O peche do fin de semana corresponderá á Orquestra Panorama, que ofrecerá o seu espectáculo ás 23:00 horas na Praza de España.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.