Comezan na Lanzada os traballos do xeorradar cara o proxecto de musealización do xacemento

Sanxenxo
20 de abril 2021

A actuación desenvólvese nunha área de 16.000 metros cadrados para obter unha planimetría axustada do subsolo a fin de evitar afeccións e protexer todo o conxunto durante o proceso de musealización

Xeorradar no xacemento da Lanzada Deputación de Pontevedra

Persoal dunha empresa especializada iniciou este martes no xacemento da Lanzada os traballos de xeorradar cuxos resultados se incorporarán ao proxecto de musealización impulsada polo Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra.

O obxectivo desta actuación técnica é definir na súa totalidade a planimetría axustada dos restos non visibles que puidesen existir no subsolo, a fin de evitar posibles afeccións e protexer o conxunto cara ao desenvolvemento da próxima musealización.

Os traballos contaron cunha fase preparatoria que se desenvolveu en coordinación co Concello de Sanxenxo para a delimitación da área e a limpeza da zona que engloba unha superficie de 16.000 metros cadrados na parte máis próxima á terra e ao redor da zona principal onde se fixeron antigas escavacións.

O xeorradar non só permitirá analizar e facer un abano das estruturas existentes como a necrópolis, a salazón ou o poboado, senón que axudará tamén a delimitar elementos que puideran non estar localizados.

Estase a facer unha prospección xeofísica de investigación para obter a maior precisión e calidade na descrición, delimitación e caracterización dos elementos arqueolóxicos do xacemento e tamén unha prospección magnética coa que se poderán contextualizar aspectos concretos do xacemento, localizar e delimitar elementos como estruturas de combustión, niveis de destrución o estruturas defensivas. 

Este traballo prolongarase ata o xoves e conta coa autorización de Patrimonio da Xunta e da comunidade de montes de Noalla. Os resultados incorporaranse con carácter divulgativo ao programa de musealización. O proxecto xa está redactado e atópase na fase de corrección para ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio.

A técnica do xeorradar se vén utilizando con excelentes resultados noutras zonas da provincia como é o caso de ata seis castros da zona do Deza, entre eles o de Toiriz en Silleda. Tamén está previsto desenvolver actuacións similares nos xacementos de Montaz en Silleda, e no Castriño de Bendoiro, en Lalín, castros enmarcados no convenio da Deputación de Pontevedra e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).