Comezan os traballos de instalación do novo alumeado de Nadal en Poio

Poio
12 de novembro 2021

O Concello destina preto de 62.000 euros a esta actuación, o que supón un incremento de máis do 35% con respecto ao ano anterior

Instalación do alumeado de Nadal en Poio
Instalación do alumeado de Nadal en Poio / Concello de Poio

Nos últimos días estase procedendo á instalación do alumeado de Nadal no Concello de Poio, cuxo prendido está previsto para principios do vindeiro mes de decembro, tal e como xa é habitual. Nesta ocasión, será a empresa Creaciones Luminosas SL a encargada de levar a cabo esta actuación.

O investimento para a dotación destes adornos experimenta un importante incremento con respecto ao ano anterior. Nesta ocasión, o importe ascende a preto de 62.000 euros, case un 36% máis que en 2020. 

Este incremento permitirá, entre outras cousas, aumentar o número de motivos e adornos luminosos, que pasarán a ser 257. En total, tal e como consta no contrato, iluminaranse preto de 1.300 metros cadrados coas instalacións que se están a realizar en todas as parroquias do municipio.

Con respecto aos horarios de funcionamento dos adornos, permanecerán operativos entre as 17.30 e a 1.00 do día seguinte, así como de 7.00 a 9.00 polas mañás. Ademais, nas datas máis sinaladas, como é o caso do propio día de Nadal, Aninovo ou Reis, a iluminación permanecerá fixa desde as 17.30 do día previo ata as 9.30 da xornada en cuestión.

Por outra banda, a Concellería de Cultura está a ultimar a programación de Nadal, que, tal e como explica a edil responsable do departamento, Raquel Rodríguez (BNG), traerá á vila "moitas sorpresas e novidades", ademais de recuperar iniciativas que o ano pasado tiveron que ser aprazadas ou modificadas sensiblemente por mor da pandemia da COVID-19. 

Con respecto á iluminación, Rodríguez Alonso incide na súa importancia, xa que "axuda a potenciar o espírito de Nadal, tan especial para todos e todas, especialmente para as crianzas, nunhas datas tan sinaladas".